Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

miércoles, 28 de marzo de 2012

Alumnado do Ciclo de Ed. Infantil -CIFP Portovello- goza dunha tarde con nós


Hoxe tivemos en Lodoselo ó alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil do CIFP Portovello de Ourense. Viñeron xantar aquí un grupo de 26 persoas -que rematan este curso o ciclo - acompañados polo profesor Xesús Fortes; o programa era coñecer "in situ" a experiencia de traballo do CDR " O Viso" polo que demos un paseo, despois de comer, por algunhas instalacións e tivemos unha charla-coloquio; despois, divididos en tres grupos, fíxose un xogo de pistas polo pobo.

martes, 27 de marzo de 2012

A Torda trouxo outra burriña



Despois dun ano e 2 días de que a cubrira o burro "Fariñeiro" onte día 26 de marzo pariu a Torda. É a cuarta cría que nos nace aquí desta parella de burros (que mercaramos na Xironda): antes foron Lúa, Terra e Café. Aquí tedes outro motivo para vir este ano a Lodoselo: coñecer esta nova cría. Aínda pendente de que a bauticemos (hai varias propostas pero "Alai" pode ser o seu nome) algúns tivemos a sorte de asistir ó seu rápido nacemento; avisounos o Aníbal (sobre as 22.30h) de que estaba na fase expulsiva do parto porque xa saíra o líquido e, en quince minutos xa estaba fora a pequena; deseguida porfiando para manterse de pe; levou varias caídas pero antes de media hora e aínda moi mollada (a nai foina lambendo e acicalando) xa se mantiña bastante ben (aínda que ás veces a nai tirábaa ó lambela -para seguir secándoa-). Levoulle máis tempo mamar; por máis que a axudamos non era quen de facelo; teimamos ata as 2.30h da madrugada. É importante que tome os costros, o primeiro leite que da a nai cando pare, para que reforce o seu sistema inmune.
         As dúas primeiras fotos son desas primeiras horas e a terceira xa é do día 27 polo mediodía.




Aquí cinco días despois...






sábado, 24 de marzo de 2012

Nacen os primeiros pitiños do ano 2012

Nos galiñeiros que temos na horta do carrajal (da tía Modesta) xa comezaron a nacer poliños. Os grupos que veñen a Lodoselo a facer as actividades que oferta o CDR O Viso a través do programa "Pobo escola" xa  teñen boas novas; esta é unha delas.  
Aínda que ordinariamente as galiñas chocan cando ven o tempo máis quente, este ano empezaron pronto e hoxe 24 de marzo xa ollamos 5 exemplares; a esta galiña puxémoslle 9 ovos (algúns de kikas e outros de pitas) o domingo 4 de marzo; estivo "deitada" enriba deles (mantendo os ovos á temperatura conveniente para que se produza a súa incubación) e hoxe xa naceran algúns: estaban así de chulos. 
O milagre da vida!!!
Co ovoscopio (artimaña que preparamos cunha caixa e unha bombilla) tratamos de mirar se os ovos que lle poñemos están "galados". Os nosos maiores saben facelo mirando o ovo cara o sol. Con todo case sempre nos sae algún "grolo".
O admirable instinto, que guía as galiñas cando están "chocas" na súa misión de incubar, fai que, con precisión matemática, realice a ventilación e volteo dos ovos, manteña a temperatura conveniente e humidade axeitada para que ós 20 días empecen a nacer os máis madrugadores e ó día seguinte o resto; aínda que tal e como nos aprenderon os maiores do pobo deixámoslle un día máis por se queda algún rezagado. Rara é a vez que nacen todos e xa nos ten pasado algunha vez que a galiña non saque ningún. 
Así que, xa sabedes, nós non empregamos a incubadora, a nosa é unha incubadora natural... como case todo o que se facía no rural: o natural. ConSuma Naturalidade na procura dunha Nova Ruralidade.   

viernes, 16 de marzo de 2012

Chegaron Joshua e De Andrea

Xa temos con nós a outros dous voluntarios do Servizo de Voluntariado Europeo. Joshua ven de Londres, ten 21 anos; a súa asociación de envío é "Asociación Concordia Live Learn Experiencie". Xa imos sabendo que lle gusta moito a música; toca o piano e a guitarra acústica.
De Andrea ven de Croacia e tamén ten 21 anos; a súa organización de envío é "Help". Estamos descubrindo nela a unha boa animadora, sempre contaxiando o seu sorriso...
Aquí están paseando con Elisa, María e Cristalina polos arredores da Vivenda Comunitaria "A túa outra casa".

domingo, 19 de febrero de 2012

Xornada de iniciación á ornitoloxía

    O día 10 de Marzo teremos en Lodoselo unha xornada de iniciación á ornitoloxía. Anímate a participar. Organizado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía e O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso o horario para ese día será o seguinte: 
    - Ás 9h. na estación de autobuses de Xinzo de Limia para facermos un percorrido ornitolóxico pola comarca ata as 13:30h.Levar ópticas e roupa de abrigo.
    - Ás 14:00 Xantar en Lodoselo 
    - Das16:00 ás 19:00 Sesión teórica

   Hai límite de participantes e está pensado para persoas maiores de 16 anos. 
   O prezo do curso co xantar incluído son 12 €.
   Para inscribirse hai que chamar ó CIX da Limia no 988.461571 ou pasar por alí; xa sabedes na praza maior nº1 de Xinzo.

  A SGO é unha asociación dedicada ó estudio científico e a conservación das aves silvestres e dos seus hábitats en Galicia

Domingo de Entroido: unha festa popular da memoria






Un ano máis gozando do Entroido; o mellor, a participación da xente. O día, espectacular; así que  festa...!!! Xantar na escola do pobo e despois a Sarreaus. Recollo aquí a foto da "carroza" de Lodoselo (tanto músico non cabía... así que aí veñen os outos detrás) e coma sempre os peliqueiros, os nosos peliqueiros de sempre. Parabéns a todas e todos!!!! Porque se un non sabe de onde procede non sabe quen é; un pobo sen memoria non é un pobo. 

viernes, 3 de febrero de 2012

Damos a benvida a Signe




A través do Servizo de Voluntariado Europeo (SVE) neste comezo de febreiro acaba de chegar ó CDR Signe Millere que estará con nós 10 meses como voluntaria. Desde xullo de 2011 temos aquí a Michel Meyerink que chegou desde Alemania a través da organización Kreisjugendring Stoman e V; Michel xa é ben coñecido, xa forma parte da paisaxe limiá: nos coches do CDR axudando no comedor, nos distintos cometidos en Lodoselo, no CIX, nos IES coas campañas do comercio xusto, facendo fotos...

Agora chega Signe desde Riga, capital da República de Letonia; a súa organización de envío é Esi Labs. Eles -como fixeron e fan outras persoas- complementan, seguirán axundando no traballo social que fan os profesionais (traballadoras/es) do CDR "O Viso" poñendo esa nota característica de solidariedade e altruismo que son un exemplo e tanto é de agradecer; á gratuidade, a continuidade, a responsabilidade persoal, o coñecemento e respecto das persoas e das comunidades, calidades do voluntariado esperamos contribuír coa reciprocidade de posibilitarlles o seguir aprendendo xuntos nesta terra e da nosa xente, construíndo unha nova ruralidade.

domingo, 22 de enero de 2012

Xornada propositiva sobre o desenvolvemento comunitario no rural

Buscando ideas... encontrando profesionais do ámbito. O 21 de xaneiro participamos nunha xornada que organizaron o Concello de Manzaneda, a Facultade de Ciencias de Educación en Ourense (U. de Vigo) e o colexio de educadoras/es sociais de Galicia (grupo de estudos e intervención xeragóxica). Este encontro constituíu un espazo de coñecemento e reflexión no que invitados polos organizadores xuntámonos un grupo de xente que gozamos da compaña e en sintonía cunha maneira de enfocar o noso traballo: desenvolvemento comunitario, envellecemento activo, animación sociocultural, educación... David, Clemente -pola tarde-, Mario e Milva (do Concello de Manzaneda), Xosé M. Cid, Mª Esther P. Enríquez, Miguel Ángel Vázquez  (Universidade de Vigo), Sofía Riveiro e Eva López (Ceesg), Suso Rguez (USC), Manuela Vilaboy e Xosé M. Felpeto (Xermade), Iván García (C. de Vedra), Celso F. Sanmartín (Lalín), Lito (Eduacdor Deputación Ou) e, eu, Antonio R. Corbal  ( CDR O Viso e Preescolar na Casa). Ademais de coñecernos, poñer en común as nosas experiencias de traballo a prol do desenvolvemento comunitario no rural foi para min un verdadeiro luxo compartir a xornada con xente tan espectacularmente boa; no só foron as ideas, suxestións, escoitar moitas boas prácticas...; tamén xantar xuntos e pasear cun espléndido día por Manzaneda; foi sobre todo sentir o saber de persoas que aúnan profesionalidade e vocacionalidade, o entusiasmo dos que teñen capacidade de adicación e compromiso. E isto transmítese. Moitas grazas.  

viernes, 11 de noviembre de 2011

Invítannos a participar en Cartes (Cantabria) nun curso de EA

O martes 29 de novembro o CDR O Viso participará nun curso en Cartes (Cantabria). Organizado polo CEDREAC (Centro de Documentación e Recursos para a Educación Ambiental de Cantabria) e o CIMA (Centro de Investigación do Medio Ambiente) o curso "Educación Ambiental Rural ¿que marca a diferenza?" celebrarase entre o 22 de novembro e o 1 de decembro. Un dos obxectivos deste curso enmarcado no Programa de Formación 2011 é o de dar a coñecer diferentes experiencias de Educación Ambiental desenvolvidas en entornos rurais, polo que o CDR O Viso foi convidado para contar na tarde do 29 o seu proxecto e a súa traxectoria.

http://www.medioambientecantabria.com/CEDREAC/ampliar.php?Id_contenido=22385&Ficha=1

 http://www.medioambientecantabria.com/cima/ampliar.php?Id_contenido=7034



A experiencia do C.D.R. "O Viso" nun Mestrado da Universidade de Vigo

Un curso máis dentro do módulo de "Desenvolvemento Comunitario e compensación de desigualdades" o voceiro do CDR O Viso participou cunha sesión titulada: "Unha experiencia de desenvolvemento comunitario no noso medio: Centro de Desenvolvmento Rural O Viso (Lodoselo) o 29 de outubro en Ourense. O módulo forma parte do Mestrado Universitario de Intervención Multidisciplinar na diversidade en contextos educativos que oferta a Universidade de Vigo desde hai varios anos.  

martes, 4 de octubre de 2011

XIII ENCONTRO DA SGEA no C.D.R. "O Viso"


Os vindeiros 8 e 9 de outubro terá lugar nos locais do CDR O Viso en Lodoselo o XIII encontro da  Sociedade Galega de Educación Ambiental. A SGEA é a entidade profesional que agrupa ás educadoras e educadores ambientais de Galiza, co obxectivo de promover a educación ambiental no noso país e avanzar desde unha perspectiva colectiva e plural na construción dunha sociedade máis xusta, respectuosa e responsábel co ambiente.

Dentro das actividades que vén desenvolvendo desde hai máis de 10 anos, a SGEA programa periodicamente uns ENCONTROS abertos, onde nos reunimos os socios e socias e toda persoa con intereses ambientais que queira acompañarnos, a fin de pasar unhas xornadas distendidas e con bo ambiente, descansando e gozando da compaña colectiva, coñecendo in situ un equipamento de educación ambiental, realizando rutas interpretativas por espazos de interese patrimonial ou ambiental da zona, asistindo á presentación de novos materiais sobre educación ambiental, etc.

O vindeiro ENCONTRO da SGEA, que será xa o décimo terceiro, realizarase os próximos sábado 8 e domingo 9 deste mes de outubro, no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, en Lodoselo (Sarreaus), a uns poucos quilómetros de Xinzo da Limia. Trátase dunha experiencia de longa traxectoria, de recoñecido prestixio e con multitude de propostas que derivan dos seus tamén múltiples perfís: servizos sociais, educación social, desenvolvemento comunitario rural, recuperación patrimonial, educación ambiental, etc. En definitiva, un equipamento que non podemos deixar de coñecer.

Por iso queremos convidarvos a todas e todos a participar e acompañarnos nesta xeira a vindeira fin de semana.

A continuación presentamos o programa de actividades, aproximado, pois pode sufrir sobre a marcha algunha modificación, sempre que beneficie ás e aos participantes.

PROGRAMA
SÁBADO 8
12:30 Recepción no CDR O Viso (intentade ser puntuais). Como chegar: desde Ourense, pola autovía das Rías Baixas cara a Castela, saída 188 (a seguinte á de Xinzo da Limia); no enlace cóllese a N-525 en dirección a Xinzo durante 400m e logo en dirección a Castela 6 km ata chegar a Trasmiras, onde se colle á esquerda en dirección a Sarreaus, pero quedamos antes, en Lodoselo, a uns 7 km de Trasmiras. En coche leva aproximadamente unha hora desde Ourense (se queredes compartir coche, avisade cando vos apuntedes).
13:00 Presentación dun novo material de educación ambiental, a cargo do autor, Pablo Meira: Guía. Conocer y valorar el cambio climático. Propuestas para trabajar en grupo, un dos resultados saídos dun proxecto de traballo da Universidade de Santiago de Compostela, financiado polo grupo MAPFRE. Entregarase un exemplar a cada asistente.
14:00 Xantar, no comedor do CDR.
16:00 Presentación do proxecto, da traxectoria histórica e das iniciativas do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso.
17:00 Visita ás instalacións do CDR, do pobo-escola, da escola de tempo libre, do bosque e dos arredores.
20:00 Tempo libre.
21:00 Cea, no comedor do CDR.
22:00 Xuntanza para conversar sobre a SGEA e o Observatorio Galego de Educación Ambiental.
23:00 Descanso (hai roupa de cama, ou podedes traer saco de durmir).

DOMINGO 9
10:00 Almorzo, no comedor do CDR.
10:30 Saída pola Limia. Iremos nos coches particulares, e poderemos visitar, a gusto das/dos participantes, diferentes elementos de interese patrimonial e ambiental desta espectacular zona do país, a escoller: areeiras da Lagoa de Antela, Pena Alta, río do Esquecemento, Civitas Limicorum, minas de estaño, Pena da Moura, Couso da Limia, Torre da Pena, Torre de Porqueira, Museo Etnográfico da Limia, río Fírveda, a carballa da Rocha, etc., ou mesmo facer algunha pequena ruta a pé.
14: 30 Xantar, no comedor do CDR, e sobremesa.
17:00 Despedida.

sábado, 24 de septiembre de 2011

Curso de "Mellora das capacidades físicas e primeiros auxilios para as persoas dependentes"

Este é un módulo de 50 horas organizado polo CDR O Viso (COCEDER) dentro do II plan galego de inclusión social da Secretaría Xeral de Familia e Benestear (Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia). Dirixido especialmente a coidadores/as de persoas dependentes no domicilio e profesionais que traballen no ámbito da asistencia a persoas maiores. O curso terá lugar en Lodoselo (Sarreaus) a partir do 24 de outubro de luns a xoves en horario de 16 a 20 h. A data límite de inscrición é o 15 de outubro. Para informarse ou inscribirse tedes o CIX -Centro de Informacion Xuvenil da Limia- na praza maior nº1- 1º de Xinzo ou a través do 988461571; tamén en cixdalimia@cdroviso.org

Curso de "Manipulación, despiece e conservación de produtos cárnicos"

O CDR O Viso (COCEDER)  ten convocado este curso de formación para persoas activas ou dadas de alta no sector agroalimentario cunha duración de 30 horas e que terá lugar en Lodoselo (Sarreaus) a parte teórica e no Centro Tecnolóxico da carne (Ourense) a parte práctica. As datas serán os sábados 15 e 22, os martes 18 e 25 e os xoves 20 e 27 de outubro, en horario de mañá e tarde; os sábados de 10.30 a 17.30 e os martes e xoves de 12.30h a 19h; con parada ó mediodía para xantar. Está financiado polo Fondo Social Europeo e o Ministerio de Medio ambiente, Rural e Marino e as prazas son limitadas. Para participar é preciso facer a ficha de inscripción no CIX -Centro de Información Xuvenil da Limia, na praza maior nº1, 1º de Xinzo. Para máis información pódese chamar a este mesma oficina, ao 9884671571 ou en info@cdroviso.org   

miércoles, 24 de agosto de 2011

miércoles 24 de agosto de 2011

Xogos populares, xogos tradicionais, xogos do mundo...



 

 

 

Con motivo das festas populares nos pobos da contorna o C.D.R. "O Viso" ten participado organizando e animando un tempo para xogar todas as pesoas, calquera que sexa a súa idade... nun intento de traermos á memoria e amosar, que -hai tempo e tempo- xogabamos... Algúns deixaron de xogar, outros esqueceron os xogos, a outros nunca lles aprenderon aqueles xogos; nós que cremos que o xogo ten un poder reconstituínte queremos que se conserve, protexa e apoie esta maneira de xogar: xuntos, nas rúas... O xogo popular como manifestación cultural, integrado no contorno. Así que xa sabedes, se queredes que animemos as vosas festas -desta maneira- poñédevos en contacto con nós. Velaquí algunhas fotos deste mes de agosto en Alberguería e Lodoselo. Veña, grazas polo voso tempo pero non vos esquezades de xogar. 

domingo, 3 de abril de 2011

O C.D.R. en "Radio Valdivielso, el poder de lo pequeño"

Enlace para escoitar a participación de Antonio R. Corbal voceiro do CDR (a súa visión, a súa vivencia) na escola de alcaldes en Poza de la Sal, Burgos e que puxeron na radio o 30 de marzo co título: "implícate hacemos falta todos" traducindo o noso lema: implícate, cumprimos todos.
http://radiovaldivielso.es/ACT-Marzo5parte.html

martes, 29 de marzo de 2011

Convocatoria do curso de Director de Tempo Libre.

O C.D.R “O Viso”, a través da Escola de tempo libre LIMICORUM, organiza,
un curso do Director de Tempo Libre. A fase teórica-práctica desenvolverase de forma
intensiva durante 15 días cunha duración de 150 horas no albergue de Lodoselo
(Sarreaus, Ourense).
Datas: do 17 ó 31 de xullo do 2011. Curso intensivo.
Prazas: Grupo mínimo para realizar o curso 15 persoas. Límite de prazas 25.
Horario: Mañás de 9:00-14:00 hs
Tardes de 16:00-21:00 hs
Contido: Curso de 150 horas teórico-prácticas de carácter intensivo tendo a
posibilidade da estancia no albergue. O curso está homologado pola Xunta de Galicia.
Prezo: 230 € só o curso. Tense a posibilidade de manutención e aloxamento.
Prazo de pre-inscrición: o primeiro prazo de prescripción será ata o 30 de abril.
Información: para máis información tendes a posibilidade de contactar en
cixdalimia@cdroviso.org, chamando o número de teléfono 988 46 15 71. ou facéndonos
unha visita na páxina web www.cdroviso.org.