Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

jueves, 18 de septiembre de 2014

CONVOCATORIA SGHN
I Xornada de limpeza da Veiga de Gomareites, día 04 de outubro


                Polas chairas da Pedra Alta, no concello de Vilar de Barrio; entre parcelas de cultivo, pistas, estradas, plantacións e extracción de áridos, pervive un pequeno retazo das antigas veigas asolagadas en tempos polas augas da Lagoa de Antela: a veiga de Gomareites.
    A Veiga de Gomareites é un monte comunal que antigamente se adicaba a cría do gando, e que desde xa hai anos estase a utilizar como entulleira e vertedoiro de lixo, o cal supón un gran problema pois, ademáis de que “o lixo atrae ao lixo”, os verquidos son caóticos aquí e alá, reducindo a superficie dispoñible para a flora e fauna, e tamén para o uso gandeiro.
   Con todo, a veiga de Gomareites aínda mantén interese florístico e faunístico, principalmente polas aves, aquí cría tamén a conícora (Vanellus vanellus) ao igual que na parcela de SGHN en Vilaseca Tamén se ten observado en época de cría á píllara pequena, así mesmo a veiga é frecuentada no inverno e nos pasos migratorios por varias especies de limícolos como bilurico patirrubio, bilurico claro, bilurico alinegro, cegoñela, garzota grande, garzota común, pilro común e o raro pilro de Temmick. Tamén se teñen visto aves tan espectaculares como o cullereiro, e mesmo a avutarda; como detalle curioso, nas proximidades da veiga tense constatado a presencia do grou nun censo de aves acuáticas invernantes.
    Como podedes ver, estamos a falar dun lugar con magníficas posibilidades, que paga a pena mellorar e conservar.

MELLORA E CONSERVACIÓN
   Seguindo cós nosos traballos de mellora e conservación de espacios naturais de interese na Limia, nesta ocasión pedímosvos a vosa colaboración para realizar a primeira intervención de SGHN nunha parte da Veiga de Gomareites (Vilar de Barrio), espacio moi interesante dende o punto de vista ornitolóxico como xa apuntamos.
   Neste espacio, un gandeiro local está a desenvolver un proxecto de gandeiría en extensivo nunha superficie de 16 ha de veiga, o cal é unha nova excelente para a conservación da veiga como tal.
   Para axudar a que se desenvolva este proxecto, e ademáis favorecer as especies de flora e fauna asociadas, SGHN ten asinado un acordo de custodia compartida do territorio con este gandeiro, que, ao igual que nós, está moi preocupado pola utilización deste lugar como un vertedoiro, e procura poñer trabas para que non suceda.
   Por todo, o obxectivo desta xornada é conseguir un incremento da superficie útil recuperando parte da veiga orixinal; para elo recolleremos ou amorearemos axeitadamente plásticos, entullos, madeiras, cristal, .... e puntualmente podaremos ou desbrozaremos algún anaco da parcela para facilitar o acceso ou a localización do lixo e deixar preparada a zona de traballo. Así que nesta ocasión o noso cometido será actuar como “brigada de limpeza”, contrataremos os servizos dunha empresa de xestión de residuos alugando un ou dos contedores nos que acopiaremos os diferentes materiais retirados.
   A actividade realizarase si as condicións climatolóxicas son adecuadas, e decir, sen choivas previstas nese día e, alomenos, na xornada anterior para facilitar as tarefas de limpeza.
   Como non todo vai ser traballar, pola tarde faremos un percorrido por A Limia para presentarvos as 25 parcelas para as que xa temos asinados os contratos de aluguer có Bantegal. Queremos lembrarvos que os que así o desexen poden “APADRIÑAR, OU AMADRIÑAR, UNHA PARCELA”, así que este será o momento de ver, elexir e facerse padriño ou madriña.

IMPORTANTE:
PARA A ACTIVIDADE DA MAÑÁ (RETIRADA DO LIXO) HAI QUE LEVAR CALZADO E GUANTES FORTES PARA EVITAR CALQUERA PROBLEMA.
A ACTIVIDADE ESTÁ RECOMENDADA PARA ADULTOS. DE VIR NENOS, OS SEUS PAIS OU TUTORES TERÁN QUE ENCARGASE DELES.
O PLAN para a xornada do sábado día 4 de outubro de 2014, é o seguinte:
Mañá:  9:15 h. Punto de encontro na Gasolinera “Antela” ao carón da autovía na saída de Xinzo, dende ese lugar desplazarémonos ata a Veiga de Gomareites para iniciar os traballos.
13:30 – Para xantar aínda estamos a estudar alternativas, buscaremos un lugar con menú entre 12 e 15 euros (xa concretaremos). 
Despois de xantar, cara ás 16:00h. iniciaremos o noso “percorrido turístico” polas parcelas de Antela e cicais poidamos rematar na zona de Cerdeira, nas nosas 4 MUSAS onde xa están pacendo as vacas dende hai máis dun mes.

Así que ANIMÁDEVOS e, por favor, contactade ata o martes día 30 de setembro a través dos correos electrónicos: ourense@sghn.org, antela@sghn.org ou dos teléfonos de Isabel (649441518) e Marcos(629635512).