Seguimos pois co noso mel: agora toda desopercular, aproveitando que é día froito; consiste en quitar os opérculos, as tapas coas que as abellas pechan todas e cada unha das celas ou compartimentos.
E unha vez que enchemos a centrifugadora cos 8 cadros da media alza dámoslle á manivela
Os cadros ó sacalos da centrifugadora quedan limpos e o mel que foi polas paredes da centrifugadora ó fondo da mesma, pasámolo par varios filtros e vai ó madurador. Aquí madurar significa depuración: unha simple decantación no que o mel abandona as súas impurezas (restos de cera, polen, burbullas de aire...)
Despois duns días no madurador metémolo en botes e á despensa.
Aquí xa listo. Esta é a presentación.
Pois agora, a seguir porque aínda quedan máis medias alzas na alvariza coas que repetir todo o proceso.
A recolección do mel é unha operación moi lenta. Desde a retirada do mel na colmea, o transporte, a desoperculación, extracción, filtración e paso polo madurador, envasado... ata poder degustalo. Pero esta pode que sexa unha das claves, facer as cousas de vagar, paseniño, con calma... Reivindicando a lentitude no tempo das présas, o gozar dos procesos e non só dos resultados. Anímate pois non só a probalo; goza tamén do camiño ata a meta.