Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

lunes, 30 de abril de 2012

Participamos no XXVI Encontro Galego Portugués de educadores/as pola paz. Chaves 27, 28 e 29 de abril.


Na mañá do domingo 29 de abril estivemos Carmen e un servidor en Chaves presentando a experiencia de Preescolar na Casa e a do CDR O Viso. Foi moi emocionante atoparnos alí cos amigos portugueses (Américo, Marilia, Isaura...) e cos galegos (grupo Manzaneda, Loli...). Achego aquí o texto cos apuntamentos que presentamos como C. D. R. "O Viso"





XXVI Encontro Galego Portugués de educadores/as pola paz (NEG)
Educación Interxeracional na construcción da paz. Chaves 27, 28 e 29 de abril.
Presentación de experiencias, comunicacións, materiais.


Experiencia do CDR O Viso. A nosa utopía realizable (Antón Gandoy) ou o inédito viable (P. Freire). O que é necesario ten que ser posible e ademais é realizable. Un centro que ten en conta (que quere ter en conta) as necesidades da xente, cun enfoque de dereitos.

   A proposta que nós traemos é compartir unha mirada cara o noso medio rural como un dereito a ser mirado, a ser recoñecido. Unha mirada para saber del, darlle identidade; mesmo contribuír a ir creando unha nova ruralidade. ¿Como o miramos? Formularnos cómo o ollamos, só iso, pode cambiar xa a nosa acción. Porque a sola observación modifica a realidade; cada vez que percibo, modifico; son un artesán e creo... vivimos nun universo participativo.

Unha mirada que nos posibilite aprender; saber das ocupacións vitais das persoas coas que traballamos; tamén no que están ocupados neste momento.. e pensarmos en que os ocupamos ou sobreocupamos. Porque estando ocupados no que teñen que estar todo flúe... Somos o que somos grazas ó que nos pasou. Recordar é vivir. No pobo escola (fai falla un pobo para educar un neno/a) os maiores aparecen como intervenientes activos contribuíndo con toda a súa sabedoría e cultura para o enriquecemento de todos e cada un dos participantes. Da diversidade e da participación nace unha sociedade máis xusta. A necesaria relación co medio permite o arraigo co territorio, aprendizaxes contextualizados. Ser rural é un valor e non un inconveniente.

E ó mesmo tempo dicimos que é necesaria unha cultura de alianzas entre o campo e a cidade, entre os produtores e os consumidores.  

Tamén unha mirada ós tempos: respectar os tempos para vivir a vida... e que cada quen poida estar ocupado no seu. Tranquilidade (alegoría do bambú – 8 anos enraizando...). Valorar cada minuto como unha oportunidade de re-conectarnos, enraizarnos, enpoderarnos. No noso interior está todo o que necesitamos: cada semente sabe cómo ser árbore. Procuramos non caer na tentación de querer crear o que xa existía

Un respecto que pasa por permitir, diría máis, posibilitar a cada un ser quen é. O respecto como forma de atención. Entender a diferenza; necesitamos ó outro para poder ser. E cada un é competente, así que posibilitemos que as persoas tomen decisións no que facer, como, con quen...  Porque se se traballa para os outros sen os outros trabállase contra os outros.

Un Centro, pois, que respecte os procesos, as persoas; que valora o cotiá; o cotián, o día a día como valor, como importante, interesante... como elemento básico da experiencia. Non buscar a espectacularidade, os acontecementos grandiosos. Porque os contextos condicionan o contido e o modo en que deben facerse os procesos.

Que teña indicadores de saúde. O coidado do corpo (é o vehículo que habitamos) e das crenzas (pensamentos, emocións, linguaxe – as palabras falan, din máis do que cremos) porque son elas as que regulan a nosa saúde. Permitirnos ser artesáns da nosa saúde. Non quedarnos no ben-estar (que non é pouco) a verdadeira clave está en ben-ser.

Que valora os territorios, as paisaxes, os lugares; recuperamos os lugares significativos, os lugares “sagrados” (forno, cruceiro, fonte-lavadoiro, forxa, fiadeiro, escola...) para coñecelos, honralos, darlles vida volvéndoos a empregar.

Temos aí fora o que somos e isto ten que enchernos de responsabilidade. A realidade depende de min. Ou dito doutra maneira, sobre quen, sobre que podo actuar para transformar a realidade? Sobre min. Ollo cos intentos de transformar ó outro... pode ser considerado iso manipulación? O cambio exterior é consecuencia da transformación interior.
O reto, entón, somos nós; tan acostumados estamos a pensar en influír nos demais que se nos esquece que tamén podemos influír en nós mesmos. Di María Zambrano que a paz é unha forma persoal de ser. O reto, repito, somos nós; cambiar –se fose preciso- o noso papel: sermos acompañantes, facilitadores, mediadores pero non para que fagan o que eu quero que fagan. Xa Platón dicía que a finalidade da educación é ensinar a desexar o desexable.

En definitiva vivir unha vida de calidade que esixe aprender a exercitar o arte de conformarse co suficiente; pero quen está educado só para buscar a calidade da súa vida é inevitablemente excluínte, exclúe a cantos non entran no cálculo prudencial do seu ben... e non basta co egoísmo intelixente,  é necesaria a xustiza lúcida.

Remato a intervención cunha historia: Un antropólogo propuxo un xogo ós nenos dunha tribo africana. Puxo unha cesta chea de froitas debaixo dunha árbore e díxolle ós nenos que aquel que chegara primeiro ganaría todas as froitas. 
Cando deu a sinal para que correran, todas as crianzas agarráronse das mans e correron xuntos; despois sentáronse xuntos a gozar do premio. 
Cando el lles preguntou por que correran así, se un só podía ganar todas as froitas, respondéronlle: UBUNTU, ¿como un de nós podería estar feliz se todos os demais están tristes?
UBUNTU, na cultura Xhosa significa: "Eu son porque nós somos."

Moitas grazas.
                                                                                                                            Antonio R. Corbal

viernes, 27 de abril de 2012

Última semana de Abril





Esta semana estiveron no pobo-escola grupos do C. Padre Feijoo- Zorelle, do C. Santa María -Maristas- e da Universidade (2º de Educación Social do Campus de Ourense). Fornada, xogos de pistas, xogos populares e tradicionais, recuncho do carballo con botas, paseo en carro co burro fariñeiro, animais, papel reciclado, xogos de orientación, velada... foron algunhas das actividades que uns e outros escolleron para gozar das xornadas que aquí pasaron. Moitas grazas por achegarvos a Lodoselo e seguir contribuíndo a que  este proxecto, esta utopía siga facéndose realidade. 


lunes, 23 de abril de 2012

Alumnado do C. Compañía de María da Coruña


     Este fin de semana, 20, 21 e 22 de abril estiveron aquí un grupo do Colexio Compañía de María da Coruña que outro ano máis viñeron a Lodoselo. Organizado, esta vez, polo Departamento de Sociais  (con Emilio de acompañante/asesor e outros 3 profesores ) estivo o alumnado de 3º da ESO. Ademais de coñecer un pouco esta comarca na xornada do sábado, fixeron algunhas actividades do programa do pobo escola: fornada de pan, obradoiro de xogos populares, reciclaxe, fiadeiro... Tamén coñeceron a Alai –a burriña que naceu o pasado 26 de marzo- que sacamos, por primeira vez, ese día ó monte. Velaquí algunhas fotos.  

martes, 10 de abril de 2012

Campamentos C.D.R. "O Viso" 2012



Agora tamén temos Ovella galega



    Nesta Semana Santa estivemos -entre outras cousas- facendo unha corte e preparando o cercado dun espazo para meter media ducia de ovellas  -ovella galega- (raza autóctona de Galicia en perigo de extinción) nos arredores da Vivenda comunitaria "A túa outra casa". En primeiro lugar grazas ós donos das lameiras da Lama que nos deixan traelas alí (Paco, Eloy, Toño...); tamén ó Instituto do Campo, Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico e ó Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia (Pazo de Fontefiz). Onte, 9 de abril, Servando e Bernardino trouxeron 5 ovellas e un carneiro que pasarán a aumentar o traballo e os recursos do CDR O Viso; no empeño de seguir podendo ofrecer o que somos, o que temos; lembrando o pasado, imaxinando o futuro. Esta foi unha raza típica dos nosos pobos hasta fai pouco; seriamente ameazada pola introdución nos rabaños de sementais de razas cárnicas máis pesadas e a recría posterior destes mestizos co que se foi perdendo pouco a pouco a raza. As características máis importantes desta raza son a prolificidade (elevado porcentaxe de partos múltiples)., fertilidade (gran facilidade para a reprodución), rusticidade (moi adaptadas a sobrevivir en condicións desfavorables), lonxevidade (larga vida produtiva) e moi boas características maternais. A raza ovella galega agrupa a animais de pequeno tamaño, de proporcións ben equilibradas, laúdos de cor branca –sobre todo-, dedicados á produción de carne. 
    Uns días despois, aínda sen coñecernos moito xa van deixando que nos acheguemos algo máis...