Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

miércoles, 15 de septiembre de 2021

Arredor do rural: proxectos que xa están en marcha. Aprendizaxe-Servizo


 Se o pasado mes de xullo informabamos da participación do CDR “O Viso” (xunto a outras organizacións) en “Arredor do Rural”, convidados por David García Romero (GI Esculca Facultade de Ciencias da Educación, USC) dende comezos deste 2021, agora toca, neste comezo de curso retomar o tema.

Lembrar que se aborda a construción dunha comunidade que quere reunir os esforzos de centros educativos e proxectos de desenvolvemento rural sostible para traballar conxuntamente pola construción da sostibilidade e a formación do alumnado para esta. Que se elabora arredor da Aprendizaxe-Servizo como ferramenta principal, pola súa capacidade para tecer colaboracións e orientarse ós Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e que esta comunidade ten como ámbito territorial a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Dunha banda refrescamos a memoria sobre os proxectos que xa están en marcha e que o alumnado pode escolller (para o segundo semestre deste curso 2021/22). Para isto anexamos a montaxe coa que contamos (grazas David) e alentamos a todas as persoas que teñan interese en botarlle unha ollada e espallar esta iniciativa. 

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d369014285k1211122o2l1/Arredor do rural, set. 2021

Doutra ir informando do vindeiro encontro presencial que temos pensado celebrar este outono no Campus de Lugo da USC, o 26 de novembro. Así que ide anotando a data na axenda. A idea, a grandes rasgos,é que teña dúas partes:

  • Pola mañá: Exposición de experiencias levadas a cabo aquí e no Alto Minho no marco de Arredor do Rural. Debate e propostas sobre os proxectos.
  • Pola tarde: Entornos temáticos de encontro entre estudantes, profesorado e activistas e profesionais dos colectivos.