
O pasado martes, 23 de setembro, estivemos en
Vilar de Santos na presentación do libro “Tres puntos de vista sobre o Forum
Limicorum” publicado pola Fundación L. Monteagudo no que catro arqueólogos amosan
o seu parecer sobre a situación e natureza do Forum Limicorum, centro
tradicionalmente vencellado ó pobo prerromano e despois romanizado polos
Límicos. Moitísimas grazas polo convite, pola obra realizada, polo interese do público que encheu o salón de actos (tendo que cambiarmos de sitio porque no Museo da Limia non tiñamos sitio para todas e todos).
No empeño de superar a idea dun único centro
urbano limicense resultou que algúns propoñen un modelo de posible dobre centralidade:
por un lado o monte do Viso (Lodoselo/Nocelo da Pena, no Concello de Sarreaus)
como posible centro político relixioso e por outro Xinzo de Limia como núcleo
económico e comercial. Aquí deixamo o enlace ó pdf onde se pode descargar o
libro.
https://fundacionlmonteagudo.com/storage/publicacions/2025-forum-limicorum-flm-red-XjEm.pdf
Poñemos a continuación un anaco do que escribe o
noso arqueólogo veciño de Escornabois, Manuel García Valdeiras, e que da idea
do que tan espectacularmente explicou no acto:
"A posibilidade de localizar o Forum Limicorum en
Xinzo pode ser moi suxestiva para recrear un glorioso pasado da
actual capital comarcal, unha forma de rendibilizala historia, pondo en valor o
patrimonio cultural de cara á explotación turística. A Historia e a
Arqueoloxía, naceron como armas políticas na construción dos estados-nación;
dende hai unhas décadas son, ademais, valores económicos de mercado. Pero as
teorías históricas téñense que sustentar en probas, senón corren o risco de
converterse en inventios que só serven para propiciar peregrinatios ós santos
lugares da historia local.
En resumo, no complexo arqueolóxico do monte do
Viso, no que se localizan non menos de seis xacementos
diferentes, que van dende a Idade do Bronce ata a Alta Idade Media e que ocupan
unhas 145 ha de extensión temos rexistrado nove epígrafes e un miliario.
Hai que ter en conta que practicamente toda a
información (materiais, epígrafes, xacementos) arqueolóxica que nos
proporciona o monte do Viso, é froito de achados casuais que se veñen
acumulando dende mediados do s. XVIII. As únicas intervencións arqueolóxicas
que se lle teñen realizado son dúas prospeccións.
No xacemento romano de Xinzo de 7 ha de
extensión, temos tres epígrafes e se ten actuado arqueoloxicamente, con
controles, sondaxes e escavacións en área en máis de 7.000 m2 , repartidos en
35 solares e nove rúas repartidos por todo o casco da vila e o seu
contorno inmediato.
En conclusión, na miña opinión, o monte do Viso
segue aportando as mellores posibilidades e indicios para situar o
Forum Limicorum."