Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

domingo, 1 de enero de 2023

Estreamos o 2023 cunha farta de auga


 


F. Emi
F. Josefa                                                          F. Pili

A fonte do Carraghal botando auga coma noutros tempos, a Lama encharcada e desaugando por todos cantos balados había, o regueiro que baixa das Lameiras do Monte pola beira do Centro de Inclusión tan completamente cheo que o tubos sumidoriros que pasan debaixo da pista  non dan tragado... E as fotos que poñen no grupo da veciñanza á noite de como vai o río onde o forno (na canella da ponte) e entre a Caghalla e a canella de Sobelaira que case alcanza a altura da estrada. Estrada que ó solpor está invadida por un río de auga que baixa do palanquín cara Ribeiriño...

Os que xa temos unha idade estivemos a lembrar aquelas cheas que marcharon cos colondros ou cabazos (ata na feixoa) ou o non poder pasar dunha parte do pobo cara a outra pola forza que levaba o río, nin siquera na canella da Ponte que entón era o lugar onde había un paso máis alto e que se derrubou e anchou cando foi da parcelaria. Claro, entón era de pedra e elevada; despois de formigón e sen apenas subida e baixada.

Dende xa hai ben anos non ten habido aquel tipo de enchentas... e iso que entón "xuntábase o Concello e limpábase o río desde as Lamas ata os Prados do Río" (dicía hoxe o Inocencio, 92 anos). Agora iso non se fai, nin se pode (A Confederación Hidrográfica pasou de ignorar a existencia do noso río e deixar que a Parcelaria o eliminara a reaparecer agora, cebarse coa vecindade e manter dende hai anos un entorno vomitivo: feismo, inacabado, perigoso...).

Nesta estrea do 2023, neste día cheo de auga... ata fartar aproveitamos para facer un chamamento a quen corresponda e reclamar que os espazos se manteñan como corresponde para vivirmos nun entorno habitable e habitado. Espazos acondicionados para as persoas, para os animais, para os vehículos... E, claro, tamén para a auga. Porque a Natureza é o que ten. Alguén nos lembraba o dito de "Deus perdoa sempre; as persoas, a veces; a natureza, nunca".