Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

lunes, 27 de junio de 2022

Colectivos de Acción Solidaria, A Memoria da Auga... Aínda é tempo de esperanza

 

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d385841758k1828970o2l1/CAS e Memoria da Auga (Boado)

 Na mañá do xoves 23 de xuño acollemos a visita dun pequeno grupo de representantes de  CAS, Colectivos de Acción Solidaria. A partires das 10.30 foron chegando de Salamanca - Asam, de Cantabria- a  Columbeta, de Ávila- escolas campesiñas de Ávila, de Palencia - escolas campesiñas de Palencia, e de Segovia –  Codinse.

Son do Grupo de Traballo de Maiores e están a traballar na definición do modelo de CAS para a atención ás persoas maiores, no que as persoas maiores permanecen no seu propio medio, na súa propia casa, cos seus propios veciños e veciñas con quen conformou a súa propia historia. E é sobre este modelo sobre o que este grupo centra a súa principal actividade, traballando, compartindo, defendendo e apostando porque sexa unha realidade.
Os Colectivos de Acción Solidaria,  CAS, son unha ONG que está constituída por diferentes asociacións implantadas principalmente no medio rural de diversas Comunidades Autónomas do Estado español; desde a proximidade centran a súa acción social cos sectores máis desfavorecidos.

Pasamos a xornada amosándolle a nosa actividade e dialogando sobre ela. No Centro de Inclusión Ada e Helena achegáronlle a realidade do día a día; na Casa niño a Lucía contoulles esta acción coas crianzas de 0-3 así coma o programa de educación infantil familiar na Limia. E percorremos o xardín sensorial. Despois de xantar no Centro e coñecer de primeira man o servizo da cociña, do xantar a domicilio e aquí no propio Centro estivemos na vivenda comunitaria, A túa outra casa. E xa na antiga reitoral e cando iamos dar un paseo polo pobo e as distintas estancias (fiadeiro, forno, casas da Memoria) que empregamos no Pobo escola chegou o Ramiro, o representante do CDR Ancares, que tamén forman parte de CAS. Á noitiña achegámonos a Couso e volvemos para cear e nesta xornada de chuvia e fresco encendemos a cheminea para seguir conversando ata a madrugada. Na mañá do sábado aínda tivemos tempo de visitar as estancias do Carballo con botas e dos animais, a horta e despois do almorzo ir collendo de novo o camiño de regreso. Moitísimas grazas.

Grazas tamén á Veciñanza de Boado e Portoalto que da man do Camilo Vila nos agasallaron este pasado sábado, en plenas festas do pobo, co libriño: A Memoria da Auga; historias de Boado e Portoalto. O produto da memoria colectiva dun equipo de máis de 20 persoas que na escola de Boado se xuntaron e viviron esta aventura de rebuscar e recoller a moita vida que a auga lle deu ó rural. E un acto entrañable, no cruceiro, cheos de ledicia, vendo e escoitando a crianzas e maiores cheos de ilusión e co mellor espíritu de colaboración tecendo a comunidade, lembrándonos que aínda é tempo de esperanza.

lunes, 20 de junio de 2022

Alfombras florais con motivo do Corpus




    Coa festividade do Corpus Christi, moitas localidades galegas engalanan as rúas con alfombras florais para honrar ao Santísimo Sacramento. Nalgunhas delas, a tradición está tan arraigada e as alfombras son tan espectaculares que, máis aló da súa motivación relixiosa, o Corpus ten rango de festa de interese turístico. 
Ponteareas (Pontevedra) é a máis coñecida embaixadora galega desta arte que desaparece baixo os pés dos fieis que acompañan a procesión do Santísimo Sacramento, e a súa Festa do Corpus Christi está declarada de Interese Turístico Internacional. As outras dúas con recoñecemento de festas de interese turístico, aínda que de ámbito galego, son a Festa do Corpus de Redondela (Pontevedra) e Alfombras Florais de Ares (A Coruña).
Dende hai anos aquí, na nosa comarca, tamén se ten estendido este traballo en moitas das parroquias. Este ano no noso pobo fíxose dentro da igrexa porque a chuvia e o vento non permitiron a súa execución fóra. Parabéns ás artistas!!!