Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

lunes, 13 de julio de 2020

O galiñeiro do "Carraghal" (carregal) un fervedoiro de vida

Na Lama, a beira da reitoral, está a horta do "carraghal" (que é como o pronunciamos aquí); na toponimia aparece como carregal, sendo unha das súas acepcións "terreo abundante en cárregas, generalmente pantanoso". 


Dende hai anos deixáronnola os pais do Arsenio e o Francisco (Serafín e Modesta) para complementar as actividades que desde o CDR O Viso facemos como Pobo escola e puxemos o invernadoiro, galiñas, coellos... Espazo polo que teñen pasado ó longo destes anos milleiros de nen@s, moz@s e persoas adultas.


Este ano tan especial non houbo posibilidade de que participaran os grupos dos colexios nin outros movementos de tempo libre que teñen en Lodoselo unha cita coa educación medio ambiental... Puntualmente visítanno as familias que volven de vacacións e o vecindario da contorna (arrastrado polas crianzas) que xa coñece este recuncho.


Así que vos facemos partícipes, por este medio, desta visita virtual e a posibilidade de facela real acordando un horario posible e mesmo vos ofertamos o poder mercar algúns exemplares. Son mestizaxe de varias razas: a galiña típica que sempre houbo nas nosas casas do pobo que se foi cruzando con outras razas que fomos metendo, como as galegas Galiña de Mos e Pita Piñeira. Pero tamén coa Pinta asturiana, Barneverdel e Araucana que no seu momento nos achegaron o Angel Isaac e o Alberto de Xinzo, o Manolo de Allariz ou o Toño de Freixo, a Ángela de Freande, a Esther e o Toño de Folgoso... 




Máis de 100 nacementos nesta primavera (algunhas xa están en Nocelo da Pena, Faramontaos, Xinzo, Coedo...) contabilizando os que naceron no galiñeiro do Ceip Rosalía de Castro para o que levamos en xaneiro dúas galiñas kikas que tamén criaron e están xa coa segunda polada. Outro punto de "atracción" para nen@s e menos nenos que xa teñen unha cita nos seus paseos pola vila.