Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

domingo, 22 de diciembre de 2019


Nesta mañá de domingo, o día da lotaría de Nadal, con todo encharcado polas continuas cicloxéneses explosivas -e aínda cunha delas (Fabien) aquí- nas lameiras da Lama dúas ovellas, unha aña de raza galega e unha ovella latxa estaban de parto.
 Cada unha delas apartárase do rabaño e buscara un sitio. Eu dun lado para outro observando como se apañan e se precisan axuda. E cando xa nacen, premio para as nais (un anaco de pan, coma toda a vida vin); maman os calostros e apáñoos cara o cuberto porque volve chover, aínda que de cando en vez sae o sol.
Despois, coas demais na Rañada puidemos comprobar que a forza do vento destes días deixou aquí as súas pegadas: crebou polas de catiñeiros e mesmo outras que valerían de trabes; tamén arrancou algún que estaba seco. 

miércoles, 4 de diciembre de 2019

"Eu son nós"

Resumo do descurso do premio Pedra Alta 2019


O premiado co galardón Pedra Alta 2019, Toño, recolleu a escultura representativa en nome de todo o CDR O VISO, así como, segundo el mesmo, en nome de todos os alí presentes, posto que nas súas propias palabras, eu son nós.
Tras unha petición de que todos se saudasen entre eles a modo de felicitación polo conseguido, este mestre comezou agradecendo a Miguel e Digno, ás dúas persoas que foron referencia para iniciar todo o proxecto que a día de hoxe pode recoller ese premio, un conxunto de asociacións galegas de pedra e xente, pilares básicos da súa crenza.
A emoción fíxose protagonista deste home que, incapaz de amosar unha perspectiva protagonista, só puido encherse de gabanzas para todos aqueles que creron, aqueles que alaban o que fan e todos os que, ao final, forman parte dunha iniciativa que segue crecendo e axudando a moitas persoas. Facéndose eco das palabras de Unamuno, nadie es el que es si no el que le hacen los demás, recordou tamén a máxima dun cura da Limia que dixo non ser amados é unha simple desventura, a verdadeira desgracia é non amar.
                               Procedeu tamén a pedir perdón por chegar á súa posición por causalidades do destino, empurrado ou animado por alguén, así como ocorría nunha historia coa que exemplificou a situación, provocando os sorrisos de todos os presentes no Museo Etnográfico da Limia. Insistiu en múltiples ocasións no seu carácter de imaxe, de representación de algo moito máis profundo, quitándose méritos e facendo fincapé na importancia de todos aqueles que se manteñen detrás, os que saen e os que representan a todos os que saíron.
Quixo Toño tamén recordar a todos os que xa non están, pero estiveron, asegurando que son moitos os que fan que o CDR funcione. Desculpouse por todos os erros cometidos, asegurando que oxalá foramos tan bos como dicides que somos, coa intención de procurar facer da mellora, algo permanente. Describiu de forma clara o traballo que desenvolven e como intentan aprender cada día a levar a cabo a solidariedade organizada, a traballar mediante a ética de coidados, a compartir unha mirada do rural como merece ser mirado, acompañar e intervir e outras moitas máximas que este home soubo transmitir dun xeito realmente poético.
Toño 3A súa intervención rematou coa exemplificación de todo o anteriormente dito cun conto escrito nunha saba pola súa familia. Conseguiu emocionar mediante debuxos, palabras e cantos que deixaron claro como este mestre, e a asociación da que é imaxe, son dignos merecedores deste premio que, de seguro, faranlles sentir un enorme orgullo.
Por medio de contos e historias, tanto reais baseadas na súa experiencia como fábulas que fan entender aínda máis profundamente as súas palabras, Toño chegou ao corazón de todos os alí presentes, así como aos que dende as súas casas poden escoitar agora este discurso dende o seguinte enlace https://www.facebook.com/dende.alimia/videos/2465698160378210/?t=3127.

Lodoselo estivo o sábado de festa

Dous foron os motivos, o CDR “”O Viso” recibiu o premio máis importante que ata agora se concede na Limia, o premio Pedra Alta que outorga cada ano o Museo Etnográfico da Limia e nesta edición, como se dixo o sábado un montón de veces é un premio que como a lotería do Nadal, foi moi repartido.
                               O primeiro premiado foi a persoa que votou a andar todo aló polos oitenta, primeiro na cabeza e despois con feitos. Tamén foi o premio para a súa compañeira e nai da súa filla Saray e do seu fillo Yedhiel , Carmen, que como ocorre con el, cando preguntamos por ela xa dicimos “Carmen a de Lodoselo. E despois tal e como insistiu dicindo no seu discurso de agradecemento Toño, “o de Lodoselo”, era un premio para todos, non so todos os directivos, traballadores e ex-traballadores (90 ao longo dos anos), colaboradores, voluntarios... se non tamén para os que viven a diario nas súas instalacións. Tal foi así que unha representación de todos saíu a recibir o premio incluíndo á “Cristalina”, veciña de Vilar de Santos.
Pero non quedou aí a cousa. Toño, quixo que todos os que alí estábamos fóramos partícipes do premio e antes de nada tivemos que felicitarnos entre nos, si si, como na misa, dician algúns cando é o momento de darnos a man.
Como poden comprobar o premio Pedra Alta, que por certo simbolízase nunha pedra alta que todos os anos deseña, fai e regala o tamén escultor limián Xosé Lois Carrera, estivo totalmente repartido, iso si a cerimonia, a que asistiron a maioría dos alcaldes da comarca faltou precisamente o de Sarreaus, concello onde se atopa o Centro de Desenvolvemento Rural, que xa nestes momentos é o faro no que se miran outros centros de Galicia e o resto de España.
No CDR salvando as distancias loxicamente ocorre o mesmo que sabemos dos grandes personaxes como o Quixote que perden o seu apelido  para chamarlles Don Quijote de la Mancha, pois aquí na Limia ocorre o mesmo si preguntas por Antonio Rodríguez Corbal, o 100% da poboación contestará que non o coñece. Poren, si dis Toño de Lodoselo ese mesmo 100% xa o identifica.
E como non podía ser doutra maneira como para Toño todo isto comezou coma un conto dos que lle soía contar aos rapaces de preescolar durante os anos que tivo que percorrer a metade da provincia, ao final do acto rematou cun conto escrito en sábenas vellas da súa nai.
Moitas grazas por todo a “O Toño de Lodoselo”

lunes, 2 de diciembre de 2019

Publicación do Museo da Limia

Foi ao redor da Pedra Alta que nos xuntamos hai dous anos para celebrarmos, co protagonista, a vida e obra de Don Elixio Rivas Quintas que da Xunqueira limiá enxergou, cedo, A Limia enteira, foi tamén baixo o pétreo fito que nos reunimos para prestar homenaxe ao profesor de Historia Antiga e orgulloso veciño de Lucenza, Antonio Rodríguez Colmenero, imprescindible recorrermos a ambos se queremos poder interpretar os pasos da nosa historia.
Este ano, en cambio, tocaba mudar de perspectiva e colocar a ollada no labor colectivo, o labor dunha entidade, o CDR O Viso, que desde hai trinta anos (en 2020 asinala a efeméride) como tal e desde 1985 como a Asociación O Cruceiro; é referencia do activismo social na comarca, un activismo presidido por vontades como a de facer o “necesario, posible”, por palabras do portavoz no día de celebración, Antonio Rodríguez Corbal, o “Toño de Lodoselo”, bonito nome “Otoño” que recollera en anécdota deliciosa o encargado da laudatio, Xosé Manuel Cid, mais, e sobre todo, bonito empeño o que encetou o Toño, e máis a Carme, acompañados por unha manchea de nomes propios, como os do Alberto, a Lucía e tantos outros, para librar batallas contra o despoboamento, por manter os pobos con vida, por unir xeracións en torno de experiencias de mutua e vivo convivio, en base a unha “solidariedade organizada” que comezou, como dixemos, hai xa anos, grazas ao impulso de cregos que teimaron en renacer galegos, o Digno de Arzádegos, o sábado presente, o noso Miguel Fernández Grande ou Antonio Gandoy Pérez, o cura “da bicicleta” creador do Preescolar na Casa e a quen, confesa, tanto debe o Toño e o propio CDR, conceptualmente. 
Adobiada coas intervencións de Xan Jardón, alcalde de Vilar de Santos e presidente de honra do Museo, Delfín Caseiro, presidente do Padroado e Sabela Rodríguez, secretaria do Padroado do Museo, a xornada tivo tamén pezas musicais polo acordeón e voz de Luis Humberto Cao e Baldomero Pavón,  unha laudatio, preñada de abondosas gargalladas, por parte de Xosé Manuel Cid e momentos moi emotivos coa recolla colectiva do premio e o conto en formato saba “A parte que falta” de Shel Siverstein, todo antes do almorzo de confraternización á volta dun cocido.
Abofé con tan merecentes premiados, valía a pena, confesaba Delfín Caseiro, recelebralos todos os anos á par do novo ou nova merecente.