Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

sábado, 24 de marzo de 2012

Nacen os primeiros pitiños do ano 2012

Nos galiñeiros que temos na horta do carrajal (da tía Modesta) xa comezaron a nacer poliños. Os grupos que veñen a Lodoselo a facer as actividades que oferta o CDR O Viso a través do programa "Pobo escola" xa  teñen boas novas; esta é unha delas.  
Aínda que ordinariamente as galiñas chocan cando ven o tempo máis quente, este ano empezaron pronto e hoxe 24 de marzo xa ollamos 5 exemplares; a esta galiña puxémoslle 9 ovos (algúns de kikas e outros de pitas) o domingo 4 de marzo; estivo "deitada" enriba deles (mantendo os ovos á temperatura conveniente para que se produza a súa incubación) e hoxe xa naceran algúns: estaban así de chulos. 
O milagre da vida!!!
Co ovoscopio (artimaña que preparamos cunha caixa e unha bombilla) tratamos de mirar se os ovos que lle poñemos están "galados". Os nosos maiores saben facelo mirando o ovo cara o sol. Con todo case sempre nos sae algún "grolo".
O admirable instinto, que guía as galiñas cando están "chocas" na súa misión de incubar, fai que, con precisión matemática, realice a ventilación e volteo dos ovos, manteña a temperatura conveniente e humidade axeitada para que ós 20 días empecen a nacer os máis madrugadores e ó día seguinte o resto; aínda que tal e como nos aprenderon os maiores do pobo deixámoslle un día máis por se queda algún rezagado. Rara é a vez que nacen todos e xa nos ten pasado algunha vez que a galiña non saque ningún. 
Así que, xa sabedes, nós non empregamos a incubadora, a nosa é unha incubadora natural... como case todo o que se facía no rural: o natural. ConSuma Naturalidade na procura dunha Nova Ruralidade.   

No hay comentarios:

Publicar un comentario