Este domingo pasado, 26 de maio, despois da sobremesa, a veciñanza de Lodoselo xuntámonos no local social, nese espazo que temos no que foi a antiga escola unitaria do pobo, convocados pola comisión de festas deste 2024. A Cristina, o José Ramón e o Xoán puxéronnos ó día do traballo feito: venta de rifas no Nadal, contactos feitos e os moitos vídeos ollados para unha axeitada escolla das orquestras, a selección das mesmas e xa a programación feita para os días 14, 15 e 16, o presuposto, ingresos feitos e previstos...
Na reunión, cun ambiente moi distendido e agradable, fomos completando algunhas datas e propostas, como a do pago do escote, a cea popular do venres 16, etc. Tamén nos presentaron as camisetas feitas para a festa do Quince. Outra maneira de colaborar, dende xa, mercando unha para poñer e outra para agasallar a alguén!
Agradecidísimos a esta xente moza. Moitas grazas! E parabéns
polo traballo ben feito. Unha mostra de reocuparmos o poder que temos como
cidadanía. O comportamento propio da boa cidadá, do bo cidadán. O civismo que
prefire dicir algunha xente para non caer no equívoco ó que pode levar esta
palabra de cidadanía, pensando que isto só afecta a quen vive nas cidades; o
civismo, a calidade de cidadán, é de quen
cumpre cos seus deberes e responsabilidades como tal.
A maiores da festa do Quince lembrar que tamén en Lodoselo será este ano a XLVI edición da Romaxe de Crentes Galegos que organiza a Asociación Irimia. Ide axendando! O segundo sábado de setembro, día 14.