Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

viernes, 11 de noviembre de 2011

Invítannos a participar en Cartes (Cantabria) nun curso de EA

O martes 29 de novembro o CDR O Viso participará nun curso en Cartes (Cantabria). Organizado polo CEDREAC (Centro de Documentación e Recursos para a Educación Ambiental de Cantabria) e o CIMA (Centro de Investigación do Medio Ambiente) o curso "Educación Ambiental Rural ¿que marca a diferenza?" celebrarase entre o 22 de novembro e o 1 de decembro. Un dos obxectivos deste curso enmarcado no Programa de Formación 2011 é o de dar a coñecer diferentes experiencias de Educación Ambiental desenvolvidas en entornos rurais, polo que o CDR O Viso foi convidado para contar na tarde do 29 o seu proxecto e a súa traxectoria.

http://www.medioambientecantabria.com/CEDREAC/ampliar.php?Id_contenido=22385&Ficha=1

 http://www.medioambientecantabria.com/cima/ampliar.php?Id_contenido=7034



A experiencia do C.D.R. "O Viso" nun Mestrado da Universidade de Vigo

Un curso máis dentro do módulo de "Desenvolvemento Comunitario e compensación de desigualdades" o voceiro do CDR O Viso participou cunha sesión titulada: "Unha experiencia de desenvolvemento comunitario no noso medio: Centro de Desenvolvmento Rural O Viso (Lodoselo) o 29 de outubro en Ourense. O módulo forma parte do Mestrado Universitario de Intervención Multidisciplinar na diversidade en contextos educativos que oferta a Universidade de Vigo desde hai varios anos.  

martes, 4 de octubre de 2011

XIII ENCONTRO DA SGEA no C.D.R. "O Viso"


Os vindeiros 8 e 9 de outubro terá lugar nos locais do CDR O Viso en Lodoselo o XIII encontro da  Sociedade Galega de Educación Ambiental. A SGEA é a entidade profesional que agrupa ás educadoras e educadores ambientais de Galiza, co obxectivo de promover a educación ambiental no noso país e avanzar desde unha perspectiva colectiva e plural na construción dunha sociedade máis xusta, respectuosa e responsábel co ambiente.

Dentro das actividades que vén desenvolvendo desde hai máis de 10 anos, a SGEA programa periodicamente uns ENCONTROS abertos, onde nos reunimos os socios e socias e toda persoa con intereses ambientais que queira acompañarnos, a fin de pasar unhas xornadas distendidas e con bo ambiente, descansando e gozando da compaña colectiva, coñecendo in situ un equipamento de educación ambiental, realizando rutas interpretativas por espazos de interese patrimonial ou ambiental da zona, asistindo á presentación de novos materiais sobre educación ambiental, etc.

O vindeiro ENCONTRO da SGEA, que será xa o décimo terceiro, realizarase os próximos sábado 8 e domingo 9 deste mes de outubro, no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, en Lodoselo (Sarreaus), a uns poucos quilómetros de Xinzo da Limia. Trátase dunha experiencia de longa traxectoria, de recoñecido prestixio e con multitude de propostas que derivan dos seus tamén múltiples perfís: servizos sociais, educación social, desenvolvemento comunitario rural, recuperación patrimonial, educación ambiental, etc. En definitiva, un equipamento que non podemos deixar de coñecer.

Por iso queremos convidarvos a todas e todos a participar e acompañarnos nesta xeira a vindeira fin de semana.

A continuación presentamos o programa de actividades, aproximado, pois pode sufrir sobre a marcha algunha modificación, sempre que beneficie ás e aos participantes.

PROGRAMA
SÁBADO 8
12:30 Recepción no CDR O Viso (intentade ser puntuais). Como chegar: desde Ourense, pola autovía das Rías Baixas cara a Castela, saída 188 (a seguinte á de Xinzo da Limia); no enlace cóllese a N-525 en dirección a Xinzo durante 400m e logo en dirección a Castela 6 km ata chegar a Trasmiras, onde se colle á esquerda en dirección a Sarreaus, pero quedamos antes, en Lodoselo, a uns 7 km de Trasmiras. En coche leva aproximadamente unha hora desde Ourense (se queredes compartir coche, avisade cando vos apuntedes).
13:00 Presentación dun novo material de educación ambiental, a cargo do autor, Pablo Meira: Guía. Conocer y valorar el cambio climático. Propuestas para trabajar en grupo, un dos resultados saídos dun proxecto de traballo da Universidade de Santiago de Compostela, financiado polo grupo MAPFRE. Entregarase un exemplar a cada asistente.
14:00 Xantar, no comedor do CDR.
16:00 Presentación do proxecto, da traxectoria histórica e das iniciativas do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso.
17:00 Visita ás instalacións do CDR, do pobo-escola, da escola de tempo libre, do bosque e dos arredores.
20:00 Tempo libre.
21:00 Cea, no comedor do CDR.
22:00 Xuntanza para conversar sobre a SGEA e o Observatorio Galego de Educación Ambiental.
23:00 Descanso (hai roupa de cama, ou podedes traer saco de durmir).

DOMINGO 9
10:00 Almorzo, no comedor do CDR.
10:30 Saída pola Limia. Iremos nos coches particulares, e poderemos visitar, a gusto das/dos participantes, diferentes elementos de interese patrimonial e ambiental desta espectacular zona do país, a escoller: areeiras da Lagoa de Antela, Pena Alta, río do Esquecemento, Civitas Limicorum, minas de estaño, Pena da Moura, Couso da Limia, Torre da Pena, Torre de Porqueira, Museo Etnográfico da Limia, río Fírveda, a carballa da Rocha, etc., ou mesmo facer algunha pequena ruta a pé.
14: 30 Xantar, no comedor do CDR, e sobremesa.
17:00 Despedida.

sábado, 24 de septiembre de 2011

Curso de "Mellora das capacidades físicas e primeiros auxilios para as persoas dependentes"

Este é un módulo de 50 horas organizado polo CDR O Viso (COCEDER) dentro do II plan galego de inclusión social da Secretaría Xeral de Familia e Benestear (Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia). Dirixido especialmente a coidadores/as de persoas dependentes no domicilio e profesionais que traballen no ámbito da asistencia a persoas maiores. O curso terá lugar en Lodoselo (Sarreaus) a partir do 24 de outubro de luns a xoves en horario de 16 a 20 h. A data límite de inscrición é o 15 de outubro. Para informarse ou inscribirse tedes o CIX -Centro de Informacion Xuvenil da Limia- na praza maior nº1- 1º de Xinzo ou a través do 988461571; tamén en cixdalimia@cdroviso.org

Curso de "Manipulación, despiece e conservación de produtos cárnicos"

O CDR O Viso (COCEDER)  ten convocado este curso de formación para persoas activas ou dadas de alta no sector agroalimentario cunha duración de 30 horas e que terá lugar en Lodoselo (Sarreaus) a parte teórica e no Centro Tecnolóxico da carne (Ourense) a parte práctica. As datas serán os sábados 15 e 22, os martes 18 e 25 e os xoves 20 e 27 de outubro, en horario de mañá e tarde; os sábados de 10.30 a 17.30 e os martes e xoves de 12.30h a 19h; con parada ó mediodía para xantar. Está financiado polo Fondo Social Europeo e o Ministerio de Medio ambiente, Rural e Marino e as prazas son limitadas. Para participar é preciso facer a ficha de inscripción no CIX -Centro de Información Xuvenil da Limia, na praza maior nº1, 1º de Xinzo. Para máis información pódese chamar a este mesma oficina, ao 9884671571 ou en info@cdroviso.org   

miércoles, 24 de agosto de 2011

miércoles 24 de agosto de 2011

Xogos populares, xogos tradicionais, xogos do mundo...



 

 

 

Con motivo das festas populares nos pobos da contorna o C.D.R. "O Viso" ten participado organizando e animando un tempo para xogar todas as pesoas, calquera que sexa a súa idade... nun intento de traermos á memoria e amosar, que -hai tempo e tempo- xogabamos... Algúns deixaron de xogar, outros esqueceron os xogos, a outros nunca lles aprenderon aqueles xogos; nós que cremos que o xogo ten un poder reconstituínte queremos que se conserve, protexa e apoie esta maneira de xogar: xuntos, nas rúas... O xogo popular como manifestación cultural, integrado no contorno. Así que xa sabedes, se queredes que animemos as vosas festas -desta maneira- poñédevos en contacto con nós. Velaquí algunhas fotos deste mes de agosto en Alberguería e Lodoselo. Veña, grazas polo voso tempo pero non vos esquezades de xogar. 

domingo, 3 de abril de 2011

O C.D.R. en "Radio Valdivielso, el poder de lo pequeño"

Enlace para escoitar a participación de Antonio R. Corbal voceiro do CDR (a súa visión, a súa vivencia) na escola de alcaldes en Poza de la Sal, Burgos e que puxeron na radio o 30 de marzo co título: "implícate hacemos falta todos" traducindo o noso lema: implícate, cumprimos todos.
http://radiovaldivielso.es/ACT-Marzo5parte.html

martes, 29 de marzo de 2011

Convocatoria do curso de Director de Tempo Libre.

O C.D.R “O Viso”, a través da Escola de tempo libre LIMICORUM, organiza,
un curso do Director de Tempo Libre. A fase teórica-práctica desenvolverase de forma
intensiva durante 15 días cunha duración de 150 horas no albergue de Lodoselo
(Sarreaus, Ourense).
Datas: do 17 ó 31 de xullo do 2011. Curso intensivo.
Prazas: Grupo mínimo para realizar o curso 15 persoas. Límite de prazas 25.
Horario: Mañás de 9:00-14:00 hs
Tardes de 16:00-21:00 hs
Contido: Curso de 150 horas teórico-prácticas de carácter intensivo tendo a
posibilidade da estancia no albergue. O curso está homologado pola Xunta de Galicia.
Prezo: 230 € só o curso. Tense a posibilidade de manutención e aloxamento.
Prazo de pre-inscrición: o primeiro prazo de prescripción será ata o 30 de abril.
Información: para máis información tendes a posibilidade de contactar en
cixdalimia@cdroviso.org, chamando o número de teléfono 988 46 15 71. ou facéndonos
unha visita na páxina web www.cdroviso.org.

sábado, 26 de marzo de 2011

Visítannos as mulleres do Sindicato Labrego Galego


Con motivo da celebración do VIII Encontro Anual de mulleres do Sindicatro Labrego Galego en Couso a tarde do sábado 26 de marzo estivo dedicada a coñecer a experiencia do CDR O Viso en Lodoselo. Máis dun cento de mulleres (sobre 140) coñeceron in situ a traxectoria e os distintos programas que desde aquí se levan a cabo; primeiro no Centro de Inclusión (antiga rectoral) e despois -cando deixou de chover- dando unha volta polo pobo (forno, escola, vivenda comunitaria e obras no novo centro que se está construíndo) unha chea de mulleres animaron as rúas do pobo.

lunes, 10 de enero de 2011

Construíndo o novo Centro

Despois do lamentable espectáculo e dos atrancos (en especial  do crego administrador parroquial e dalgúns membros "con poder !"-non precisamente evanxélico- da igrexa da diócese de Ourense) pero co ánimo, o traballo e o apoio de moitísima xente (especialmente os veciños/as do pobo, pero tamén da contorna e doutros lugares...) o CDR O Viso segue a traballar por facer posible o que é necesario: mellorar a calidade de vida das persoas que viven no noso medio rural. Achégovos aquí algunhas fotos de cómo vai esta nova obra que se empezou a ver en setembro de 2010.