Nesta mañá de domingo, o día da lotaría de Nadal, con todo encharcado polas continuas cicloxéneses explosivas -e aínda cunha delas (Fabien) aquí- nas lameiras da Lama dúas ovellas, unha aña de raza galega e unha ovella latxa estaban de parto.
Cada unha delas apartárase do rabaño e buscara un sitio. Eu dun lado para outro observando como se apañan e se precisan axuda. E cando xa nacen, premio para as nais (un anaco de pan, coma toda a vida vin); maman os calostros e apáñoos cara o cuberto porque volve chover, aínda que de cando en vez sae o sol.
Despois, coas demais na Rañada puidemos comprobar que a forza do vento destes días deixou aquí as súas pegadas: crebou polas de catiñeiros e mesmo outras que valerían de trabes; tamén arrancou algún que estaba seco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario