Xa están as lameiras e o campo da Lama encharcados; unha imaxe típica dalgunhas épocas do ano que levabamos algún tempo sen ver. Despois da seca que pasamos case presta ver isto así. Coas cegoñas nas charcas e ós poucos no niño; xa coa posta ou empezando a chocar.
E Néboa coas ovellas sen importarlle a chuvia; aínda menos ás ovellas que pacen e pacen. Por momentos todo oscuro -coma se fora anoitecer- e de súperto unhas raiolas de sol -case cegadoras- e como viña o vento do Oeste e Suroeste no Liñón (ladeira que mira ó Norte) pasamos a mañá ben agarimados,tamén polos castiñeiros. E gozando destes espazos, da boa lectura e a compaña.
A semana pasada lía no País que os urbanitas californianos pagan pola experiencia de pasear sen móbil un par de horas polo campo acompañando á persoa que pastorea un rabaño (naquel caso de cabras). Pastorear, a quen? Conectarse co presente. É o que se "vende" a 45 dólares: eses paseos silenciosos de meditación con cabras. E lembro aquela cita de Machado: só o necio confunde valor con precio.
Si, seica pagan tamén por abrazar vacas, pavos, porcos en granxas-zoo que viven diso; velaí unha boa combinación: o contacto cos animais e a moda do mindfulness (a atención consciente ou plena). Unha volta ó pasado para ganar o futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario