Na mañá do domingo 29 de abril estivemos Carmen e un servidor en Chaves presentando a experiencia de Preescolar na Casa e a do CDR O Viso. Foi moi emocionante atoparnos alí cos amigos portugueses (Américo, Marilia, Isaura...) e cos galegos (grupo Manzaneda, Loli...). Achego aquí o texto cos apuntamentos que presentamos como C. D. R. "O Viso"
XXVI Encontro Galego Portugués de educadores/as pola paz
(NEG)
Educación
Interxeracional na construcción da paz. Chaves 27, 28 e 29 de abril.
Presentación
de experiencias, comunicacións, materiais.
Experiencia do CDR O Viso. A nosa utopía realizable (Antón
Gandoy) ou o inédito viable (P. Freire). O que é necesario ten que ser posible
e ademais é realizable. Un centro que ten en conta (que quere ter en conta) as
necesidades da xente, cun enfoque de dereitos.
A proposta que nós
traemos é compartir unha mirada cara o noso medio rural como un dereito a ser
mirado, a ser recoñecido. Unha mirada para saber del, darlle identidade; mesmo
contribuír a ir creando unha nova ruralidade. ¿Como o miramos? Formularnos cómo
o ollamos, só iso, pode cambiar xa a nosa acción. Porque a sola observación
modifica a realidade; cada vez que percibo, modifico; son un artesán e creo...
vivimos nun universo participativo.
Unha mirada que nos
posibilite aprender; saber das ocupacións vitais das persoas coas que
traballamos; tamén no que están ocupados neste momento.. e pensarmos en que os
ocupamos ou sobreocupamos. Porque estando ocupados no que teñen que estar todo
flúe... Somos o que somos grazas ó que nos pasou. Recordar é vivir. No pobo
escola (fai falla un pobo para educar un neno/a) os maiores aparecen como
intervenientes activos contribuíndo con toda a súa sabedoría e cultura para o
enriquecemento de todos e cada un dos participantes. Da diversidade e da
participación nace unha sociedade máis xusta. A necesaria relación co medio
permite o arraigo co territorio, aprendizaxes contextualizados. Ser rural é un
valor e non un inconveniente.
E ó mesmo tempo
dicimos que é necesaria unha cultura de alianzas entre o campo e a cidade,
entre os produtores e os consumidores.
Tamén unha mirada
ós tempos: respectar os tempos para vivir a vida... e que cada quen poida estar
ocupado no seu. Tranquilidade (alegoría do bambú – 8 anos enraizando...).
Valorar cada minuto como unha oportunidade de re-conectarnos, enraizarnos,
enpoderarnos. No noso interior está todo o que necesitamos: cada semente sabe
cómo ser árbore. Procuramos non caer na tentación de querer crear o que xa
existía
Un respecto que
pasa por permitir, diría máis, posibilitar a cada un ser quen é. O respecto
como forma de atención. Entender a diferenza; necesitamos ó outro para poder
ser. E cada un é competente, así que posibilitemos que as persoas tomen
decisións no que facer, como, con quen...
Porque se se traballa para os outros sen os outros trabállase contra os
outros.
Un Centro, pois,
que respecte os procesos, as persoas; que valora o cotiá; o cotián, o día a día
como valor, como importante, interesante... como elemento básico da
experiencia. Non buscar a espectacularidade, os acontecementos grandiosos. Porque
os contextos condicionan o contido e o modo en que deben facerse os procesos.
Que teña
indicadores de saúde. O coidado do corpo (é o vehículo que habitamos) e das crenzas
(pensamentos, emocións, linguaxe – as palabras falan, din máis do que cremos)
porque son elas as que regulan a nosa saúde. Permitirnos ser artesáns da nosa
saúde. Non quedarnos no ben-estar (que non é pouco) a verdadeira clave está en
ben-ser.
Que valora os
territorios, as paisaxes, os lugares; recuperamos os lugares significativos, os
lugares “sagrados” (forno, cruceiro, fonte-lavadoiro, forxa, fiadeiro,
escola...) para coñecelos, honralos, darlles vida volvéndoos a empregar.
Temos aí fora o que
somos e isto ten que enchernos de responsabilidade. A realidade depende de min.
Ou dito doutra maneira, sobre quen, sobre que podo actuar para transformar a
realidade? Sobre min. Ollo cos intentos de transformar ó outro... pode ser
considerado iso manipulación? O cambio exterior é consecuencia da
transformación interior.
O reto, entón,
somos nós; tan acostumados estamos a pensar en influír nos demais que se nos
esquece que tamén podemos influír en nós mesmos. Di María Zambrano que a paz é
unha forma persoal de ser. O reto, repito, somos nós; cambiar –se fose preciso-
o noso papel: sermos acompañantes, facilitadores, mediadores pero non para que
fagan o que eu quero que fagan. Xa Platón dicía que a finalidade da educación é
ensinar a desexar o desexable.
En definitiva vivir
unha vida de calidade que esixe aprender a exercitar o arte de conformarse co
suficiente; pero quen está educado só para buscar a calidade da súa vida é
inevitablemente excluínte, exclúe a cantos non entran no cálculo prudencial do
seu ben... e non basta co egoísmo intelixente,
é necesaria a xustiza lúcida.
Remato a intervención cunha historia: Un antropólogo propuxo un xogo
ós nenos dunha tribo africana. Puxo unha cesta chea de froitas debaixo dunha
árbore e díxolle ós nenos que aquel que chegara primeiro ganaría todas as
froitas.
Cando deu a sinal para que correran, todas as crianzas agarráronse das mans e correron xuntos; despois sentáronse xuntos a gozar do premio.
Cando el lles preguntou por que correran así, se un só podía ganar todas as froitas, respondéronlle: UBUNTU, ¿como un de nós podería estar feliz se todos os demais están tristes?
UBUNTU, na cultura Xhosa significa: "Eu son porque nós somos."
Cando deu a sinal para que correran, todas as crianzas agarráronse das mans e correron xuntos; despois sentáronse xuntos a gozar do premio.
Cando el lles preguntou por que correran así, se un só podía ganar todas as froitas, respondéronlle: UBUNTU, ¿como un de nós podería estar feliz se todos os demais están tristes?
UBUNTU, na cultura Xhosa significa: "Eu son porque nós somos."
Moitas grazas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario