Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

martes, 10 de marzo de 2026

Campás de Lodoselo: María del Pilar e Santa Bárbara


Estamos de noraboa porque veu por aquí o José Luís de Castrelo e aprendeunos a mirar mellor as campás da nosa igrexa. Cóntanos que nas fotos que fixo pouco se ve, alén do selo dos fundidores, un de Salamanca e o outro parece que de Palencia; tamén unha data incompleta, 28. 

 Dinos que unha das nosas campás foi fundida por esta casa: Salamanca en el ayer: La Familia Cabrillo y sus Campanas https://share.google/WBnmJDpQlpui4o1Fs

 
A outra campá, a falta de confirmar a data in situ, feita por este fundidor, e que traballou entre os anos 1902 e 1929, según aparece reflectido neste artigo de Isidro Martínez García: Las campanas de 1915, obra del taller de Moisés Díez Palencia https://share.google/JYfko6kly4GI8wAPw


 O máis salientable? Relata o José Luís que coma algunhas outras campás que leva fotografado, están colocadas do revés, a Cruz debería mirar pró frente da portada, e así a ollo diría que teñen unhas medidas standar, uns 62 cm de diámetro a maior, e 54 ou 56 a menor. O peso entre 80 e 90 quilos, e a nota musical depende do acabado do seu interior, aparte do grosor, canto máis pulido, máis fino.

E pouco máis podo dicir, a non ser que consultemos o libro de fábrica da igrexa, onde os curas apuntaban todo, prezos e datas, donacións, litixios nas obras se os houbo, por demora nas entregas sobre todo, e case sempre eran os veciños os que acudían ós xulgados, porque as campás rompían ó pouco de colgalas, porque lles parecían máis cativas ou soaban distinto ás vellas...


 

viernes, 26 de septiembre de 2025

A localización e natureza do Forum Limicorum a debate

 

 O pasado martes, 23 de setembro, estivemos en Vilar de Santos na presentación do libro “Tres puntos de vista sobre o Forum Limicorum” publicado pola Fundación L. Monteagudo no que catro arqueólogos amosan o seu parecer sobre a situación e natureza do Forum Limicorum, centro tradicionalmente vencellado ó pobo prerromano e despois romanizado polos Límicos. Moitísimas grazas polo convite, pola obra realizada, polo interese do público que encheu o salón de actos (tendo que cambiarmos de sitio porque no Museo da Limia non tiñamos sitio para todas e todos).

No empeño de superar a idea dun único centro urbano limicense resultou que algúns propoñen un modelo de posible dobre centralidade: por un lado o monte do Viso (Lodoselo/Nocelo da Pena, no Concello de Sarreaus) como posible centro político relixioso e por outro Xinzo de Limia como núcleo económico e comercial. Aquí deixamo o enlace ó pdf onde se pode descargar o libro. 

https://fundacionlmonteagudo.com/storage/publicacions/2025-forum-limicorum-flm-red-XjEm.pdf

Poñemos a continuación un anaco do que escribe o noso arqueólogo veciño de Escornabois, Manuel García Valdeiras, e que da idea do que tan espectacularmente explicou no acto:  

"A posibilidade de localizar o Forum Limicorum en Xinzo pode ser moi suxestiva para recrear un glorioso pasado da actual capital comarcal, unha forma de rendibilizala historia, pondo en valor o patrimonio cultural de cara á explotación turística. A Historia e a Arqueoloxía, naceron como armas políticas na construción dos estados-nación; dende hai unhas décadas son, ademais, valores económicos de mercado. Pero as teorías históricas téñense que sustentar en probas, senón corren o risco de converterse en inventios que só serven para propiciar peregrinatios ós santos lugares da historia local.

En resumo, no complexo arqueolóxico do monte do Viso, no que se localizan non menos de seis xacementos diferentes, que van dende a Idade do Bronce ata a Alta Idade Media e que ocupan unhas 145 ha de extensión temos rexistrado nove epígrafes e un miliario.

Hai que ter en conta que practicamente toda a información (materiais, epígrafes, xacementos) arqueolóxica que nos proporciona o monte do Viso, é froito de achados casuais que se veñen acumulando dende mediados do s. XVIII. As únicas intervencións arqueolóxicas que se lle teñen realizado son dúas prospeccións.

No xacemento romano de Xinzo de 7 ha de extensión, temos tres epígrafes e se ten actuado arqueoloxicamente, con controles, sondaxes e escavacións en área en máis de 7.000 m2 , repartidos en 35 solares e nove rúas repartidos por todo o casco da vila e o seu contorno inmediato.

En conclusión, na miña opinión, o monte do Viso segue aportando as mellores posibilidades e indicios para situar o Forum Limicorum."

lunes, 1 de septiembre de 2025

Presentación do libro Tres puntos de vista sobre o “Forum Limicorum”

Recibimos este convite do noso benquerido amigo Manuel Gracía Valdeiras, arqueólogo, veciño e gran estudoso e divulgador desta nosa cvontorna. Graciñas 

domingo, 23 de febrero de 2025

Domingo Corredoiro: Peliqueiros


 


Un ano máis tivemos a sorte de que os peliqueiros viñeran "Á túa outra casa" a vivenda comunitaria do CDR O Viso na que conviven 12 persoas maiores. É esta unha das visitas que máis nos emocionan. E lembramos tempios pasados con eles e cóntannos o medo que lles tiñan cando eran nenas ou nenos; do que corrían para que non os pillaran porque se te pillaban debías darlle algo (aínda que só fose unha peseta) porque co que xuntaban esperaban pagar o aluguer do traxe...

Graciñas, moitísimas grazas. E que, de hoxe nun ano!  



viernes, 24 de enero de 2025

O Miguel, do Juan e a Geni, é o autor do cartel do Entroido de Xinzo 2025

 
Dende hai uns días coñecemos o cartel do Entroido de Xinzo deste ano. E levamos unha gran alegría ó sabermos da súa autoría. Por iso facemos esta entrada; queremos felicitar especialmente ó artista que o creou e á súa familia. E a todos nós.
 Miguel Carballo Álvarez é o fillo do Juan (do Clemente e a Maruja de Lodoselo) e da Geni (de Folgoso). Parabéns !!!


sábado, 23 de noviembre de 2024

Os palcos de música

Son edificacións típicas dos ámbitos rurais e urbanos que foron testemuña de miles de historias. Construcións que reflicten a maneira de ser propia e peculiar dun pobo fundamentada ó redor das festas e verbenas.

Son un símbolo da vida en comunidade e os festexos das parroquias. A súa presenza fíxose especialmente notable a partir da década de 1970 e ata os anos 2000, período no que foron construídos a maioría destes peculiares escenarios.

O patrimonio popular de Galicia inclúeos no seu catálogo de elementos arquitectónicos e tradicionais.  

Co fin de preservar e protexer tanto as historias como as estruturas destes palcos de música en Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas , da man do Instituto de Ciencias do Patrimonio e co financiamento da Axencia Galega de Innovación, puxeron en marcha un proxecto de investigación bautizado como PALCOS. Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega, cuxo obxectivo é o de mapear, catalogar e documentar os palcos de música repartidos por todo o territorio galego.

En Lodoselo temos dous no Campo da Lama e estamos a recuperalos. Levamos anos tratando de mantelos coidándoos (pequenos arranxos...) e dándolle algúns usos nas actividades do Pobo escola. Seguen a ser un punto de encontro para a infancia e a adolescencia, sobre todo pero tamén para os maiores que pasean ó redor do campo.

Este ano coa axuda que lle pedimos ó Concello o Obradoiro de emprego preparou o máis antigo e lindo, o redondo. Polo que nos din construíuse aló polo 1.958. Feito polos canteiros do pobo naqueles traballos que se facían a cambio de non ter que ir despois ó Concello (xornada de traballo cun representante de cada casa e do que quedaban liberados en compensación a ese tempo xa dedicado á comunidade). Así nos contaron que se fixera tamén co Cruceiro, o seu traslado cando se fixo a escola. Agora estamos a poñerlle a uralita no teito ó outro, máis recente, de 1.982/83 e agardamos seguir cos traballos de limpeza, lixado, imprimación e pintura. Toda a veciñanza está convidada a participar, a botar unha man. E a ver se logramos como broche final plasmar nestes espazos algúns debuxos, pinturas, murais... que realcen a súa presenza e o seu significado. 

Nesta aposta por artellar tempos e espazos (espazos dignificados) nos que as persoas nos atopemos dende o Programa de Biocoidados esta é unha actuación máis promovida e alentada dende o CDR O Viso: tecer redes de corresponsabilidade para un coidado sostible; os coidados como motor de desenvolvemento rural e comunitario. Este espazo comunitario é unha conexión cos que nos precederon e cos que nos seguirán. Coa celebración, coas festas, co sentido de pertenza a unha comunidade. Agora valoramos que tamén estes son coidados;  coidados naturais, coidados invisibles. 

Outra acción que enmarcamos no proxecto #Biocuidados: Novos modelos de coidados prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais; está vinculado ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU. Promovido pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (Coceder).



 

martes, 12 de noviembre de 2024

Magosto Lodoselo 2024

 Vídeo Magosto Lodoselo 2024

O Magosto segue a ser unha data chea de significado para nós e os nosos maiores, pois rememoran aqueles momentos nos que, nas súas casas ou no traballo do campo, se reunían arredor do lume para asar as castañas e compartir ese agasallo da natureza. Lembran como, entre traballo e tarefas diarias, o Magosto representaba un tempo de descanso e celebración, un momento de xuntanza e unión entre amigos e familia, ao redor do fumeiro e co sabor das castañas.
Hoxe os tempos cambiaron, pero a esencia do Magosto segue viva. Organizada pola Comisión de Festas que conforman os 3 magníficos (Cristina, Xoán e José Ramón)  o pobo de Lodoselo celebrou unha xornada especial. A pesares do día de chuvia sobre a marcha preparáronse tres locais a cuberto (plan B) e unha vez máis celebramos unha grande festa. 

 Unha celebración chea de calor humano e de recordos que, sen dúbida, quedará no corazón de todas e todos. Aínda que o lume xa non arde nos fogares como antes, este Magosto fixo que o espírito de xuntanza e alegría se mantivese ben vivo. É ademais unha data especialmente lembraba polos que conformamos o CDR porque seguramente aquel magosto de 1985 foi unha das primeiras actividades que organizamos cando nos conformamos xuridicamente como entidade; ver que estes días se celebra o magosto en case todas as comunidades, pobos (Nocelo, Sarreaus, Lodoselo...) é unha mostra da íntima certidume da pertenza, de formarmos parte da comunidade. Non estamos sós, sentímonos queridos, apreciados. Que contan con nós. Celebrámolo e gozámolo. 

Moitísimas gracias! Que grandes!!! A xente da vivenda, feliz co chocolate e o biscoito; quedaron tan contentos! Detallazo.


 

jueves, 15 de agosto de 2024

"O Quince": Festas 2024. Somos o que agradecemos

Un ano máis, un ano menos... Velaquí estamos nas festas do pobo. Sempre en primeiro lugar co agradecemento ás tres persoas que conformaron o equipo animador e organizativo delas; todo un exemplo do bo facer... Todo o ano preparándoas, organizando as xuntanzas veciñais para irnos informando e mesmo deliberando xuntxs... Carteis informativos, traballo nas redes, traballo...  Graciñas!

 

 Hoxe a partires das 17 h temos a festa da escuma na cortiña de abaixo, o diestro que está diante do bar. Tamén poñeremos polas rúas do pobo ó longo do Barrio dos Tres Pés e pola Canella da Ponte ata o Outeiro xogos tradicionais, populares e do mundo, aproveitando as sombras e convidando a toda a veciñanza e xente convidada a que participe. Coma sempre, aínda que haberá algunhas persoas para alentar e mesmo explicar os xogos, o convite é xogar e divertirnos xuntxs. É importante e necesario que volvamos deixar os enredos, materiais... como os atopamos para que a seguinte persoa que participe atope as fichas e todos os materiais como ti os atopaches, listos para compartir este momento. Sen a colaboración de todas e todos sabemos que isto non funciona. Graciñas.

Ó final dese circuíto de xogos teremos abertas as Casas da Memoria. Estades convidados a visitar e coñecer estes espazos que forman parte da nosa identidade. Paneis co proceso de recuperación das mesmas, coa microtoponimia (os nomes dos lugares) de Lodoselo, o tema das minas (algunhas ferramentas, código qr con acceso a Radio Lodoselo e os podcast sobre esta temática, un vídeo coa voz e imaxes dalgúns dos protagonistas...) e outras informacións referidas á historia do noso pobo de destes espazos nos que pasamos os días ( O monte do Viso, a Casa de Sorga, etc)

Sempre convidadas e convidados a que posibilitedes coa vosa presenza a que estes encontros contribúan a seguirmos testimoniando que xuntos somos mellores; que aínda que poideramos vivir sen os demais a vida gústanos máis compartindo, pasándolle o testigo ós máis novos do que foi a vida dos nosos maiores. E xa sabedes tamén... facede achegas e propostas de mellora. Xuntxs somos mellores.



 


jueves, 8 de agosto de 2024

O escudo da Casa de Sorga


Contárannos moitas veces o espectacular que era a Casa de Sorga e o escudo que alí había. Da importancia daquel escudo, nalgún tempo, no que ata os fuxidos da xustiza que chegaban ata el quedaban baixo a súa protección (quedando a traballar para esa casa). Chegamos a falar do tema coa persoa que herdou aquela casa (a parte na que estaba o escudo) e que nos confirmara no seu momento a súa venda. Agora seguímoslle a pista e atopámolo no Pazo dos Escudos Hotel & Spa Resort, en Vigo onde fixemos esta foto a finais de abril de 2024.

 Esta é a información da que dispoñemos.

CASA SOLARIEGA DE LOS SOTELO  (LODOSELO)

González de Ulloa, al referirse a esta localidad, indica que «Aquí es distinguidísima la casa solariega de los Sotelos, señores de Sorga, junto a Celanova, Suatorre y Caldeliñas en el valle de Monterrey, en la parroquia de Villamayor, unidos con los señores Acebedo de Verín», a cuya familia pertenecía don José Calvo Sotelo, conocido político gallego que fue Ministro de Hacienda.

Disponía de un buen dibujo del escudo que ornaba aquella casa solariega, porque también lo tenía en su archivo mi tío Xesús Taboada Chivite; pero cuando indagué en el pueblo donde se encontraban la casa y su escudo, los vecinos a quienes pregunté por ello, me dijeron que me podían enseñar la casa, pero que el escudo lo había comprado un señor de Vigo.

Fue ese uno más de los escudos adquiridos por el Sr. Sensat en la provincia de Orense, que ahora se encuentra expuesto en el Hotel Pazo de los Escudos, en la ciudad de Vigo.

 

Español redondeado, tiene su campo cuartelado en cruz, y lleva: 1) tres palos recortados y bordura cargada de ocho calderas, armas de TABOADA; 2) un árbol, con bordura cargada de ocho lises; 3) tres bandas, que pudieran ser TOUBES, LOPEZ o cualquiera de los muchos linajes que utilizan esas piezas en sus armas, y 4) tres fajas, armas de los RIBERA. Sobre el todo, escusón con un árbol, acostado de dos cabras enfrentadas, empinadas al tronco, armas de los SOTELO. Timbrado de yelmo frontal empenachado y ornado de lambrequines.

Adolfo Taboada Sanz.

LABRAS HERALDICAS DE XINZO DE LIMIA Y SU COMARCA

https://taboadasanz.es/images/file/labrasheraldicasxinzodelimiaycomarca.pdf

https://www.taboadasanz.es/images/file/labrasheraldicasenlosantiguosestadosdelacasademonterreiengalicia.pdf