No empeño de superar a idea dun único centro urbano limicense resultou que algúns propoñen un modelo de posible dobre centralidade: por un lado o monte do Viso (Lodoselo/Nocelo da Pena, no Concello de Sarreaus) como posible centro político relixioso e por outro Xinzo de Limia como núcleo económico e comercial. Aquí deixamo o enlace ó pdf onde se pode descargar o libro.
https://fundacionlmonteagudo.com/storage/publicacions/2025-forum-limicorum-flm-red-XjEm.pdf
Poñemos a continuación un anaco do que escribe o noso arqueólogo veciño de Escornabois, Manuel García Valdeiras, e que da idea do que tan espectacularmente explicou no acto:
"A posibilidade de localizar o Forum Limicorum en Xinzo pode ser moi suxestiva para recrear un glorioso pasado da actual capital comarcal, unha forma de rendibilizala historia, pondo en valor o patrimonio cultural de cara á explotación turística. A Historia e a Arqueoloxía, naceron como armas políticas na construción dos estados-nación; dende hai unhas décadas son, ademais, valores económicos de mercado. Pero as teorías históricas téñense que sustentar en probas, senón corren o risco de converterse en inventios que só serven para propiciar peregrinatios ós santos lugares da historia local.
En resumo, no complexo arqueolóxico do monte do Viso, no que se localizan non menos de seis xacementos diferentes, que van dende a Idade do Bronce ata a Alta Idade Media e que ocupan unhas 145 ha de extensión temos rexistrado nove epígrafes e un miliario.
Hai que ter en conta que practicamente toda a información (materiais, epígrafes, xacementos) arqueolóxica que nos proporciona o monte do Viso, é froito de achados casuais que se veñen acumulando dende mediados do s. XVIII. As únicas intervencións arqueolóxicas que se lle teñen realizado son dúas prospeccións.
No xacemento romano de Xinzo de 7 ha de extensión, temos tres epígrafes e se ten actuado arqueoloxicamente, con controles, sondaxes e escavacións en área en máis de 7.000 m2 , repartidos en 35 solares e nove rúas repartidos por todo o casco da vila e o seu contorno inmediato.
En conclusión, na miña opinión, o monte do Viso segue aportando as mellores posibilidades e indicios para situar o Forum Limicorum."
No hay comentarios:
Publicar un comentario