https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d385841758k1828970o2l1/CAS e Memoria da Auga (Boado)
Na mañá do xoves 23 de xuño acollemos a visita dun pequeno grupo de
representantes de CAS, Colectivos de Acción Solidaria. A partires das 10.30 foron chegando de Salamanca - Asam, de Cantabria- a
Columbeta, de Ávila- escolas campesiñas de Ávila, de Palencia - escolas
campesiñas de Palencia, e de Segovia – Codinse.
Son do Grupo de Traballo de Maiores e están a traballar na
definición do modelo de CAS para a atención ás persoas maiores, no que
as persoas maiores permanecen no seu propio medio, na súa propia casa,
cos seus propios veciños e veciñas con quen conformou a súa propia historia.
E é sobre este modelo sobre o que este grupo centra a súa principal
actividade, traballando, compartindo, defendendo e apostando porque sexa
unha realidade.
Os Colectivos de Acción Solidaria, CAS, son unha ONG que está
constituída por diferentes asociacións implantadas principalmente no
medio rural de diversas Comunidades Autónomas do Estado español; desde a
proximidade centran a súa acción social cos sectores máis
desfavorecidos.
Pasamos a xornada amosándolle a nosa actividade e dialogando sobre ela. No Centro de Inclusión Ada e Helena achegáronlle a realidade do día a día; na Casa niño a Lucía contoulles esta acción coas crianzas de 0-3 así coma o programa de educación infantil familiar na Limia. E percorremos o xardín sensorial. Despois de xantar no Centro e coñecer de primeira man o servizo da cociña, do xantar a domicilio e aquí no propio Centro estivemos na vivenda comunitaria, A túa outra casa. E xa na antiga reitoral e cando iamos dar un paseo polo pobo e as distintas estancias (fiadeiro, forno, casas da Memoria) que empregamos no Pobo escola chegou o Ramiro, o representante do CDR Ancares, que tamén forman parte de CAS. Á noitiña achegámonos a Couso e volvemos para cear e nesta xornada de chuvia e fresco encendemos a cheminea para seguir conversando ata a madrugada. Na mañá do sábado aínda tivemos tempo de visitar as estancias do Carballo con botas e dos animais, a horta e despois do almorzo ir collendo de novo o camiño de regreso. Moitísimas grazas.
Grazas tamén á Veciñanza de Boado e Portoalto que da man do Camilo Vila nos agasallaron este pasado sábado, en plenas festas do pobo, co libriño: A Memoria da Auga; historias de Boado e Portoalto. O produto da memoria colectiva dun equipo de máis de 20 persoas que na escola de Boado se xuntaron e viviron esta aventura de rebuscar e recoller a moita vida que a auga lle deu ó rural. E un acto entrañable, no cruceiro, cheos de ledicia, vendo e escoitando a crianzas e maiores cheos de ilusión e co mellor espíritu de colaboración tecendo a comunidade, lembrándonos que aínda é tempo de esperanza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario