Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

jueves, 26 de mayo de 2016

Co alumnado do Ceip Rosalía de Xinzo

Facendo o pan, paseando no carro co Fariñeiro, no recuncho do Carballo con Botas, facendo papel reciclado, coas ovellas, coas galiñas con pitiños e chocando, cos coellos, co ourizo cacheiro, coa Néboa, observando a cegoña que está a criar na Lama e gozando dun espectacular día deste mes de maio. Moitas grazas a tod@s os que facedes isto posible: Alberto, Bruno, Marta, Mouna, Francisco...
Se a semana pasada estiveran por aquí os Escolapios de Monforte de Lemos, a Casa dos Pitufiños, o CPI de Cambeo (dous días), esta foron a escola infantil Monicreques, CPI Tomás de Lemos e os de infantil de 3 anos un día e outro os de terceiro de primaria do Ceip Rosalía de Castro. Antes estivemos nas Patacas fritas Guays (moitas grazas Pepón, Estela, Dani...) en Piñeira Seca e despois de tanta actividade en Lodoselo, xa de volta, pasamos pola parcela da Sociedade Galega de Historia Natural aquí na Veiga, entre Lodoselo e Vilaseca para vermos o que se ten traballado na Operación Conícora. 

jueves, 19 de mayo de 2016

Postoiro, colaborador do CDR O Viso


Si, unha sorte ter na comarca xente coma Anxo, Carlos... E nomealos a eles é tamén lembrar a Miguel, o crego de Parada de Outeiro (Vilar de Santos) e a "Vincallo". Desde o CDR O Viso sabemos ben da "calidade" desta xente que leva moitos anos colaborando con nós (si, tamén da calidade das cebolas, porros, leitugas, repolos...); eles achégannos produtos para o comedor comunitario. Moitas grazas e parabéns pola traxectoria. 

lunes, 2 de mayo de 2016

O CIFP Portovello pasou unha xornada con nós




 


Alumnado de dous ciclos, Ciclo superior de Educación Infantil e do ciclo de Atención a Persoas en situación de dependencia do réxime de persoas adultas, pasaron unha xornada en Lodoselo. 
Con Lucía e Marta estiveron vendo cómo se está a desenvolver o programa de Educación Infantil Familiar na Comarca da Limia e os programas para maiores de Prevención de la dependencia e fomento da autonomía persoal non só nas dependencias do Centro senón e tamén nos propios domicilios. Tamén fixemos pola tarde un percorrido polo pobo para achegarnos ó forno onde algúns dos participantes viñeran como nen@s co Ceip no que estudaran Infantil e Primaria. Como trouxo a foto volvemos facer outra co mesmo encadre neste caso -con ela- na mesma posición máis ou menos.      
Agradecer ao profesorado e alumnado o apoio que para nós supón a súa presenza aquí. Seguimos en contacto na procura de facer mellor un traballo de apoio á comunidade e o compartirmos as inquedanzas, problemáticas, o día a día.  

domingo, 17 de abril de 2016

Celebramos en Lodoselo as II NEG Xornadas de Educación e Cultura Tradicional

E gozamos da boa compaña... Nas dependencias da casa rectoral, polo pobo, no centro de inclusión, polos arredores do pobo (na Rañada...). E aprendemos pasándoo moi ben porque é todo un luxo termos entre nós a Antón Castro, Carme Campo e Chus Caramés, Xavier Blanco, Os Chichisos... Música, oralidade, entorno natural, instrumentos, formación permanente, memoria colectiva...
 O día que me dixeches o da palla do palleiro, comecei a entende-lo mundo da palleta e do punteiro. Volvín ó día seguinte pola mañanciña cedo e alumbráchesme unha nota co segredo do gaiteiro. Como cho hei agradecer! Meu amigo compañeiro. O gaiteiro verde. Xavier Blanco

martes, 5 de abril de 2016

Unha parella de cegoñas como contrapunto ó tanatorio


   Non é nada novo dicir que no noso medio rural una das imaxes máis duras é ter contemplado a conversión das escolas en tanatorios; no noso caso a escola seguíase empregando para máis cousas, para “todo”. O sentido común foinos levando a utilizala para facer festas, comidas, reunións, charlas, ximnasia… Tamén local electoral. Si, o local social do pobo. 
   E velaí, que cando a lóxica é empregar un espazo coma este para as diversas actividades de todos, un espazo multifuncional… Parece ser que chega Sanidade e prohibe que isto sexa así; se é tanatorio non se pode empregar para outra cousa máis. E tras varias xuntanzas a veciñanza manifesta velar ós defuntos e querer ser velados no pobo. E comezan as obras de acondicionamento dunha parte do local para este fin específico que ninguén espera que se empregue moito, aínda que todos sabemos que a morte é segura. Con todo, nestes últimos anos a media non chega a dez nun ano. ¡Unha mágoa reconverter un local para isto só! Pero, non queda outra: a administración funciona así.

   Pois ben, a nota discordante neste espazo de morte, soidade e desesperanza é que a  escasos 70 metros en liña recta, nestes últimos días de marzo e primeiros de abril chegaron dúas parellas de cegoñas; témoslle postos dous niños no campo da Lama pero non os empregaron ata o de agora. Por fin, parece que unha parella quedou nun deles. Ademais por fin, estes días tamén se empezou a escoitar o cuco. Si, é, parece, a outra cara da moeda.

 

domingo, 31 de enero de 2016

Corredoiro polas rúas de Lodoselo

 Os peliqueiros ambientan os nosos pobos para goce da nosa xente que sente "ferver o sangue" ó escoitar as chocas. Moitas grazas por seguir "mimando" esta tradición e xa pasándollela ós fill@s...

martes, 19 de enero de 2016

Polo San Antón con añiños e pitiños...

<
Algunhas novas de animais, Pobo escola.
"Polo San Antón (17 de xaneiro) pon gallinita pon" nos di Mª Carmen (vivenda comunitaria) moitas veces. Pois aínda máis que moitos ovos... polo San Antón viñeron dúas parellas de años e hoxe naceron os tres primeiros pitiños do ano. O grupo de chavales de Concilia Nadal "deitaron" unha kika o 29 de decembro con 7 ovos azuis e hoxe 19 de xaneiro había tres poliños e aínda 4 ovos (veremos se sae algún máis...).
Neste tempo si que se vai notando o frío pero é máis levadeiro con estes calcetíns de la. Si, porque con algunha la das nosas ovellas a Ánxela fixo no País Vasco uns calcetíns e mandóunolos para non pasarmos frío no monte. Moitísimas grazas!!!
Tamén seguen nacendo coellos e veremos se a Torda queda preñada e para o vindeiro xaneiro temos un burriño ou burriña máis. E Néboa que aquí aparece atenta cara as ovellas segue preferindo andar patrullando polos arredores no canto de estar coidando os animais.
Xa sabedes, se queredes gozar da compaña desta facenda achegádevos por aquí cando vos veña ben.   

jueves, 12 de noviembre de 2015

Magosto do Ceip de Sarreaus no Pobo escola







No día de San Martiño, para celebrar o Magosto visitounos un grupo moi especial: "o alumnado do CEIP de Sarreaus!".  Viñeron andando dende o Colexio, nun espectacular día de outono, pasar a xornada no Pobo Escola. Fixeron os seus bolos preñados, houbo xogos de por medio ... e non podían faltar as castañas!
Agardámosvos pronto! Moitas grazas!


viernes, 6 de noviembre de 2015

Castañas e tixolo preparados

Xa sabedes, o sábado 7 de novembro dende as 17h  XORNADA DE PORTAS ABERTAS. MAGOSTO. Imos celebrar o 25 aniversario do CDR "O Viso"e queremos facelo acompañados de todas as persoas que teñen colaborado e/ou están contribuíndo a facer realidade esta utopía.O tixolo (do Ceip Rosalía de Castro) e as castañas (aí tedes ás persoas maiores da vivenda comunitaria preparándoas para que non esbouren) xa están esperando, e boa música do país con dous grupos espectaculares da Limia: - Os galos de antioquía e   - Cantaralai. A música tradicional como xeito de manter viva a cultura e a vivencia comunitaria da festa. 






jueves, 29 de octubre de 2015

Dende A Limia

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso cumpre 25 anos e celébranos convidando á xente a un magosto  http://www.dendealimia.com/articulo/novas/centro-desenvolvemento-rural-cumple-25-anos-celebranos-convidando-xente-magosto/20151029113251005617.html

Patricia F.S |29 de Octubre de 2015 (11:59 h.)


O 7 de novembro vai ser un día importante para o CDR O Viso pois celebran 25 anos axudando ó rural galego. Queren festexalo por todo o alto por iso convidan á xente a un gran magosto que terá lugar no centro de Lodoselo. Para confirmar asistencia poden chamar ó 988 46 15 71 ou enviar un e-mail a info@cdroviso.org. O festexo terá lugar a partir das 17h.
"Sabendo que o que somos non é un estado conseguido... é un proceso de cambio e busca permanente", así definen o seu traballo que dende o ano 1990 se leva desenvolvendo no centro. Partiron coa constitución do CDR O Viso e dende aí foron aparecendo o comedor social e comunitario, o centro de información xuvenil e comunitario, a vivenda comunitaria para axudar ós máis maiores ou o centro de día Lodoselo. Unha gran lista de traballos dirixidos a axudar ós sectores da poboación máis vulnerables da Limia. Con moito esforzo dos seus traballadores e fundadores, así pasaron xa 25 anos axudando e creando unha gran comunidade de usuarios dos servizos do centro. Agora como premio a todo este tempo de labor e para seguir con máis ganas, convidan a todo o mundo que o desexe a festexar con eles o seu vixésimo quinto aniversario. 

jueves, 22 de octubre de 2015

Participaremos nestas xornadas

Os vindeiros días 28 e 29 de outubro participaremos nas xornadas para  a Conservación da Biodiversidade Agraria e a Soberanía Alimentaria que terán lugar no CDR Sastipem thaj Mestapem de Coceder.


miércoles, 21 de octubre de 2015

FORMACIÓN / POBO ESCOLA

  

      

  

Hoxe visitounos o alumnado do curso de "Dinamización de actividades 
de Tempo Libre Infantil e Xuvenil" dun dos Obradoiros de Emprego do 
Concello de Barbadás.

lunes, 14 de septiembre de 2015

En Lodoselo, chorando branco


Velaquí o tanque de leite que hoxe os amigos do "Covelo", a granxa do José, Josefa, Rosa Mari, Elio e Sabela, baleiran cara o chan...  "Chorando branco, sufrindo facemos isto, loitando polo noso pan, derramando vida... porque nola queren roubar. Apoiando a Rosa Rua Perez e a súa familia, meus curmáns e meus padriños", escribe o amigo Óscar. Apoiando a tódolos gandeiros e gandeiras da Limia!  Ánimo porque nada necesitamos máis que o ánimo e non hai maior talento nin tarefa máis benéfica que o de dalo. Desde o CDR O Viso, APERTAS, IRMÁNS!!! 

jueves, 6 de agosto de 2015

Verán seco, seco...


Xa tivemos unha primavera bastante seca e o verán xa atopou case todo agostado (desde o comezo da estación)... 
Na aula da Natureza, con Néboa, de visita no apiario; tivemos bastante sorte e collemos una cantos enxames. Colmeas con varias medias alzas e outras que apenas teñen os cadros da cámara de cría cheos.
Agrandamos a corte das ovellas e o día 31 de xullo e 1 de agosto empezaron de novo os partos: os dous primeiros dobles (parella de femias e macho e femia). Pero no monte todo seco...
Levan nacido máis dun cento de pitiñ@s: cruces das galiñas que temos con galo araucano e algúns ovos doutros galiñeiros.
E os chavales que se achegan a darlle o biberón a chinada (Joseba) ou acariñar e gozar cos poliños, coellos, ovellas (Laura).

sábado, 27 de junio de 2015

Concerto "2naFronteira" no encontro de educador@s sociais

2nafronteira
O dúo 2naFronteira nace en Italia no 2008, do encontro entre a cantante galega Carmen Penim, orixinaria da fronteira de Ourense con Portugal, no Couto Mixto e o pianista romano Maurizio Polsinelli. No 2011 publican o seu primeiro disco xuntos HUMO EN LOS OJOS basado en poemas de Carmen que foran editados como poemario "Cambio versos por champán". Ambos os dous, licenciados en filoloxía e apaixonados pola poesía, compoñen os seus propios temas e escriben a música para poesías da tradición española (Generación del 27 SaveFrom.net, os Seis poemas gallegos SaveFrom.netde Lorca, Góngora,Garcilaso SaveFrom.net...) e a tradición galega. Os seus concertos son sempre unha mostra de paixón e calidade técnica. No seu novo disco ALMA introducen tamén o uso do harmonio, instrumento de resonancias antigas que casa ben coa exploración que actualmente ambos os dous músicos realizan nas tradicións populares e cultas da música galega.
No 2014 presentan un novo traballo "Zapatiños para Díaz Castro" a musicalización para voz, piano e harmonio de 15 poemas de Nimbos do autor Letras Galegas 2014.
O nome de 2nafronteira describe o eclecticismo musical deste dúo e a súa intención de seguir investigando sen pecharse a ningunha posibilidade compositiva ou de colaboración no futuro.
Algúns dos poetas musicalizados: Lorca en español e os seus "Seis poemas gallegos", Altolaguirre, Góngora, Paz Andrade SaveFrom.net, Curros SaveFrom.net, Celso Emilio SaveFrom.net, Álvarez Blázquez, Pessoa, etc. Actualmente teñen dous proxectos abertos: Cantares Gallegos de Rosalía e a musicalización de "Nimbos" de Díaz Castro (Letras Galegas 2014) Zapatiños para Díaz Castro.

martes, 23 de junio de 2015

Lorca na "escola de Lodoselo"


Este pasado venres poidemos gozar dunha magnífica posta en escea da obra de Lorca. O grupo de teatro "IAD12+13" do IES Universidade Laboral (Ourense) achegáronnos "Vodas de Sangue". Esta obra recolle a paixón amorosa dun home e unha muller por riba dos odios familiares e das normas sociais e ten como fin unha traxedia colectiva: a noiva foxe co seu antigo noivo o día da súa voda e iso orixina a morte dos dous rivais. Moitas grazas a tod@s: José Ramón, Matilde, Pilar, Tania, Brais, Tamar, María, Álex, Vanesa, Héctor, Álvaro, Rubén, Camilo, Alba... e ata a próxina. 
Moitos deles xa participaran do programa do Pobo escola (vindo como nenos co seu Centro) polo que tras pasar a noite no albergue ó día seguinte fixemos a fornada e gozamos tamén desta actividade saboreando ademais os recordos de hai anos.