Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

viernes, 30 de agosto de 2013

Xa temos -algún mel- desta tempada preparado

 Seguimos pois co noso mel: agora toda desopercular, aproveitando que é día froito; consiste en quitar os opérculos, as tapas coas que as abellas pechan todas e cada unha das celas ou compartimentos. 



E unha vez que enchemos a centrifugadora cos 8 cadros da media alza dámoslle á manivela


Os cadros ó sacalos da centrifugadora quedan limpos e o mel que foi polas paredes da centrifugadora ó fondo da mesma, pasámolo par varios filtros e vai ó madurador. Aquí madurar significa depuración: unha simple decantación no que o mel abandona as súas impurezas (restos de cera, polen, burbullas de aire...)

Despois duns días no madurador metémolo en botes e á despensa. 

Aquí xa listo.  Esta é a presentación.

Pois agora, a seguir porque aínda quedan máis medias alzas na alvariza coas que repetir todo o proceso. 
A recolección do mel é unha operación moi lenta. Desde a retirada do mel na colmea, o transporte, a desoperculación, extracción, filtración e paso polo madurador, envasado... ata poder degustalo. Pero esta pode que sexa unha das claves, facer as cousas de vagar, paseniño, con calma... Reivindicando a lentitude no tempo das présas, o gozar dos procesos e non só dos resultados. Anímate pois non só a probalo; goza tamén do camiño ata a meta. 

viernes, 23 de agosto de 2013

Comezamos a castrar / esmelgar algunhas colmeas


       Hoxe tocou -entre outras cousas- empezar a castrar; aínda que non era día froito, pero aproveitando que era día flor xa apañamos 7 medias alzas do colmear.
  Moi boa pinta -totalmente operculado- aínda que con algunha sorpresa non moi boa. Non porque algunha colmea que contaba con ela non tivera mel; peor aínda, case sen facenda.
 Estas -tres delas- son dunha colmea que lle puxera 4 medias alzas; deixeille unha porque aínda non estaba totalmente operculada.
 


    Así que armado co afumador e o traxe (aínda así apañei un par de picaduras) sacando cadro a cadro, golpe seco e limpando as abellas que veñen con el ímolos pasando para un caixón ( unha alza con base e tapa preparada con bisagras).
   Despois na carretilla levalo ata o coche porque non entra ata o colmear...
   E agora esperar os días apropiados para desopercular, centrifugar e metelo no madurador.
   Xa sabedes, se queredes probalo e non queredes esperar que o teñamos preparado podedes pasar por aquí... untar os dedos e saborealo.

martes, 30 de julio de 2013

Fusion, C. de actividades e Cruz Vermella Xuventude





Nesta última semana de xullo estiveron/están por aquí 2 grupos:
- Fusión, centro de actividades de Xinzo participou nunha xornada do pobo escola con crianzas de 3 a 10 anos, e 
- Cruz Vermella Xuventude de Ourense que organizou, como broche final do campamento que comezou o 26 de xuño, esta saída; son nenos/as de 6 a 12 anos que non poderian pagar unha estancia coma esta e o seu custe asúmeo a entidade; con eles veñen 2 técnicas, 2 voluntarias e 3 Neo (xóvenes de entre 14-18 anos que forman parte deste grupo facendo actividades de promoción para a saúde, medio ambiente, ocio e tempo libre e colaboran no verán de forma activa). Están pasando aquí uns días e antes tamén visitaron aceites Abril, os bombeiros, o castro de S. Tomé, etc.

martes, 16 de julio de 2013

Campamentos 2013

 



"CAMPaRURAL" e "Conecta-NATUREZA" coa participación de nenos e nenas de pobos dos concellos de Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia, Ourense...

Velaquí algunhas imaxes dalgúns participantes no campamento que esta semana se está a desenvolver polo CDR O Viso en Lodoselo.


Aprendendo a base de actuar... A educación que é vivir, aprender, sonreír.

No noso entorno, recuperando para a acción educativa o patrimonio cultural da comunidade rural.

E dándolle valor ó cotiá...O cotiá é extraordinariamente rico.

























martes, 9 de julio de 2013

Xuño,tamén tarefas agrícolas e gandeiras


  






 



Algunhas das nosas tarefas agrícolas e gandeiras no mes de xuño foron a de segar a herba e metela na palleira ou facer algún palleiro; tamén fixemos pacas e un medouco con elas... Temos que gardar herba para o inverno para os coellos, os burros, as ovellas...E facémolo á vella usanza: aí tedes ao fariñeiro que é o encargado de apañar os carros que cargamos de herba e o Alberto que bota a herba primeiro ó carro e despois á palleira.
Tivemos moitos nacementos de poliños (con máis de 20 galiñas e kikas que chocaron ou están deitadas, a día de hoxe levamos sobre 70 nacementos aínda que temos tido moitas baixas, 26); sacámolos por gaiolas a pacer polos arredores da fonte do Carrajal. Se queres, xa o sabes, temos galos, galiñas, kikas para cambiar, vender, facer troco por outros productos...
Houbo un tempo para visitar o colmear e ir poñéndolle as medias alzas ás colmeas; tamén no invernadoiro e na horta para transplantar (cabaciñas, cabaceiras, pementeiras, cogombros, remolacha...) e coidar o que xa tiñamos posto (patacas, millo, berza galega...).
Seguimos tratando de aprenderlle á Néboa a familiarizarse co seu rabaño de ovellas. Vaise notando que medra pero sobre todo o que máis lle gusta é xogar coa xente da vivenda comunitaria e cos nen@s que veñen ás tardes cara o campo da Lama cando sacamos as ovellas.
Animádevos a vir por aquí e participar de todo isto. Agora -se aínda non tés nada programado- temos o campamento a vindeira semana do 15 ó 21.