Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

viernes, 7 de octubre de 2022

As campás de Lodoselo e a veciñanza reivindicamos os cambios da Revolta da E. Baleirada

Velaquí diferentes momentos dos que vivimos este venres, 7 de outubro, no patio da reitoral; desdicindo aquilo de sermos a Galicia calada; despois do tanguer das campás e coa xuntanza de máis de medio cento de persoas quixemos sumarnos á chamada da Revolta para sentirmos a forza da comunidade organizada e en sintonía con toda a xente que tamén noutros pobos da E. baleirada se concentra.
Dicimos que o despoboamento é a lapa que queima os nosos montes; que o drama do despoboamento é a consecuencia de non proporcionar o apoio público aos produtores de alimentos, ás persoas que reclamamos poder seguir vivindo no noso medio cuns servizos que nos permitan unha boa calidade de vida. 
Saudámonos, falamos coas persoas do Centro de Inclusión, comunicámonos coa rapazada da Casa Niño... tecemos relacións (tan necesarias para sentirnos ocmunidade) e tivemos despois un acto máis formal no que algúns dos presentes leron os seis parágrafos, que aparecen máis abaixo, entrecollidos do manifesto. 
A continuación gardamos un minuto de silencio e, de novo, o tanxer das campás volveu poñer sons ó silencio, á soedade non desexada e sufrida que aquí tratamos de capear grazas á participación, ó empeño de coidarnos uns aos outros porque sabemos que os demais forman parte de nós. Moitísimas grazas a todas as persoas que o fan posible, porque cremos que coidándonos estamos a facer unha verdadeira revolución.     



1. As plataformas e entidades que forman parte da Revolta – entre as que se atopa COCEDER e polo tanto o CDR "O Viso"- convídannos a tódalas persoas comprometidas co territorio a realizar concentracións nos pobos da España baleirada para apoiar o mantemento do sector forestal nestes territorios.

2. Desde a Revolta da España Baleirada defendemos que a correcta xestión das masas forestais é “o mellor instrumento para previr incendios”, pero tamén para facer fronte ao cambio climático e a outros retos, entre eles o despoboamento, que é a principal causa do crecemento desordenado dos bosques e a gran acumulación de material seco e altamente combustible.

3. Afirmamos que a relación entre despoboamento e incendios forestais é clara: “nas zonas con moi pouca poboación os incendios propáganse dunha forma máis descontrolada e o lume arrasa os seus montes e mesmo en ocasións as súas casas”.

4. Indicamos que a xestión dos montes é fundamental para previr este tipo de incendios, á vez que destacamos que os montes sempre foron fonte de riqueza e de traballo en base aos aproveitamentos forestais tradicionais (madeira, leña, resina, micoloxía, caza..), compatibles coa silvicultura, agricultura e gandería extensiva, ademais de que teñen un enorme potencial para o desenvolvemento de actividades turísticas, recreativas, deportivas e sociais, que en moitos casos están a permitir dinamizar economicamente pequenos municipios.

5. Desde a Revolta da España Baleirada aseveramos que “só un medio rural vivo e implicado na xestión da súa contorna, será capaz de levar a cabo esta tarefa” e por iso reclamamos o apoio decidido das Administracións a todas estas iniciativas e actividades económicas que fomentarían unha xestión efectiva e eficiente dos montes, reducindo así o risco de incendios.

6. Para reivindicar os cambios que propoñemos, estamos aquí reunidos e imos gardar un minuto de silencio polos falecidos polos incendios. Tamén, aquí á beira do cemiterio por todos os que nos antecederon e souberon relacionarse en harmonía coa contorna.


No hay comentarios:

Publicar un comentario