Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

lunes, 18 de diciembre de 2023

Fr. Francisco Alonso Iglesias finou en Noia ós 97 anos (77 de profesión relixiosa)

O pasado sábado recibimos a comunicación de que Fr. Francisco Alonso Iglesias (O Padre Alonso para uns, o Franciscano para outros) finara na enfermería de Noia. O domingo 17 estivemos no velorio, no funeral e no enterro; na sancristía, na Igrexa de Santiago e no cemiterio do Convento. 

Fr. Francisco Alonso Iglesias tiña 97 anos. Naceu en Lodoselo o 23 de agosto de 1926. Estudou Filosofía no Convento de San Diego de Canedo e Teoloxía en Santiago. Foi ordenado sacerdote en 1953. Nese mesmo ano foi nomeado secretario da comisión encargada de organizar actos do Centenario da Inmaculada. Tres anos despois foi instituído Predicador e nomeado Discreto do Convento de Betanzos. En 1957 foi destinado á Fundación de Venezuela. Volve do outro lado do Atlántico en 1961  para incorporarse ó convento de Betanzos.

Un ano despois é nomeado Vicario e Discreto do convento de Avilés  e en 1966 foi elixido Discreto da Residencia de Zamora e Ecónomo do Colexio. En 1967 é enviado a Estados Unidos durante dous anos para estudar inglés. En 1970 foi nomeado superior do convento de Ourense e membro do Consello Plenario da Provincia. No 71 regresa de novo a Betanzos como Presidente da Casa e no 72 noméano Ecónomo do Convento de Santiago.

En 1974 volve a Avilés como Vicario e no 77 é nomeado Gardián de Vigo e Director do Colexio Menor; no 80, Gardián de Noia e no 83, Gardián de Ourense e capellán da Residencia de maternidade. Nos anos 90 foi nomeado superior de Pontevedra, A Coruña, Avilés, Noia, Ourense... Estes últimos anos estivo en Noia onde finou o 16 de decembro de 2023.

Na parte final da celebración do funeral deuse lectura a unha carta de Fr. José Rodríguez Carballo, que desde o seu novo destino (como Arcebispo de Mérida-Badajoz) dicía entre outras cousas: “Sinto moito non poder facerme presente a causa de numerosos compromisos.  

Quero manifestar o grande aprecio que sempre lle tiven e que, pola súa parte, sempre me mostrou. Na miña vida franciscana el tivo moito que ver. Cando era neno sempre me dixen: Quero ser franciscano como o P. Alonso: cordial, familiar, sencillo, alegre.

Quero agradecer ó Señor a presencia do P. Alonso na miña vida. E a ti, querido P. Alonso, dígoche: Grazas por ser como fuches: campechano, transparente, sencillo, alegre. Grazas por amar tanto á Orde e á Provincia. Grazas por amar a túa terra, o teu pobo e as súas xentes e nunca renegar das túas raíces culturais e sociais. Un abrazo forte e unha oración sinceira, querido P. Alonso: veciño, irmán e amigo." 

O xoves, 28 de decembro, ás cinco da tarde, o Pepe (Fr. José R. Carballo, arcebispo de Mérida-Badajoz) vai presidir unha misa funeral, na igrexa de Lodoselo, polo eterno descanso do Francisco, o Franciscano, o P. Alonso.