Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

viernes, 1 de febrero de 2019

O casamento dos paxariños

O día 2 de febreiro, véspera do San Brais, di a tradición galega que é o día que casan os paxariños.

Estamos ante unha das festas do ciclo da invernía, que ten lugar xusto na metade do inverno  e que prepara a inminente chegada da primavera e, con ela, o renacer da natureza. Coa cristianización, que absorbeu canta celebración puido, convertiuse na Candeloria e traduciuse no costume de acender candeas. Coincide tamén coa celebración celta do Imbolc, tamén vencellada ao lume, que en Irlanda foi cristianizado como o Día de Santa Bríxida.

Este día sinala o retorno das aves migratorias e os cortexos que preludian o renacer primavera. “É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica”, segundo sinala o antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega.

Desde algúns blogs mesmo se defende que o día 2 debería ser a data do amor romántico na nosa cultura. O noso refraneiro popular tamén lembra que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. E o antropólogo Anxo Rosales ten documentado un exemplo máis dramático desta tradición en Santa Mariña de Covelo (Pontevedra), onde aínda se di que “o paxariño que non consiga compañeiro neste día, suicídase”.
Do mesmo xeito, Rosales lembra que Murguía, ademais doutros estudosos, ten rexistrado o costume de ceibar pombas por parte dos nenos o día da Candeloria na misa que se dedicaba á virxe en Compostela.

Como previsión meteorolóxica
A Candeloria tamén serve para anunciar a chegada máis ou menos próxima da primavera: “Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra; cando a Candeloria ri, o inverno está por vir”. É o mesmo concepto que o Día da Marmota estadounidense, cando este animal prevé a chegada inminente da nova estación (ou non). Noutras culturas, como a francesa, é un oso que sae do seu tobo, sinala Rosales.

En Sorbia, unha festa viva
Os sorbios, unha minoría cultural e lingüística en Alemaña, celebran o 'Vogelhochzeit' (Casamento dos paxariños) o 26 de xaneiro. Ese día os nenos póñenlle pratos con comida e lambonadas típicas para os paxaros e nas escolas celébrano con cantos e outras actividades.

Mentres, en Galiza é unha tradición que aínda segue viva na memoria sobre todo do rural, pero que se non se actualiza corre o perigo de desaparecer ao igual que outras moitos costumes e lendas.


miércoles, 16 de enero de 2019

E naceron moitas añas e años

 

 

Nesta pasada semana tivemos moitos partos das ovellas. Case todas trouxeron dúas crías. Temos unha nai con tres e tamén unha cría que ningunha ovella quixo así que toca darlle o biberón. Tamén lle damos o biberón a algún outro añiño que vemos moi débil... Mesmo tocou pinchar a algún cun complexo vitamínico. 
Aproveitade pois a pasar por aquí e gozar deste espectáculo; e axudar a darlle o biberón, coidalos no monte, facerlle a cama, poñerlle herba seca nos comedoiros... Esperámosvos.