A Sra. Encarnación leva varios anos en "A túa outra casa" a vivenda comunitaria tutelada que o CDR O Viso puxo en marcha hai máis de 18 anos.
Aínda que a maioría dos programas do CDR para as persoas maiores da nosa contorna tratan de conseguir o obxectivo de que poidan permanecer nas súa casas, con todos os apoios posibles e ese é o modelo polo que apostamos, temos que recoñecer que ten habido momentos nos que "A túa outra casa" ten servido como opción a que algunha xente non teña que marchar lonxe dos seus lugares de referencia.
Nesta vivenda para 12 persoas con todas as precaucións deste momento pola pandemia maldita celebramos o pasado 27 de outubro o aniversario da Sra. Encarnación.
Veciña de Cortegada, deste Concello de Sarreaus, Encarna ("Caxón" para algunha xente) cando lle dicimos que nos diga que quere que poñamos dela no blog, di que " está moi agradecida pola marabillosa familia que ten; tamén por ter ben a cabeza e a vista".
"Moi agradecida ás traballadoras da casa por coidala tanto e tan ben, aínda que sabe que dá moito traballo porque ten moitos anos".
E nós encantados de poder seguir compartindo o día a día con esta xente que nos aprende o saber estar, a relativizar todo, a valorar o importante ( a familia, o cariño), a estar sempre coa palabra gracias na boca... Graciñas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario