Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

lunes, 14 de octubre de 2019

Lodoselo, ese lugar do mundo onde nunca escurece

CARTAS SEN SELO. La Región. Opinión. Luns 14 d eoutubro de 2019
XOSÉ ANTÓN JARDÓN DACAL 
Coordinador do Museo da Limia

Lodoselo, ese lugar do mundo onde nunca escurece

Ao CDR “O Viso”, gañador do III Pedra Alta, por tantas pingadas de luz.

 Da minha aldeia veio quanto da terra se pode ver no Universo... / Por isso a minha aldeia é tão grande como outra terra qualquer / Porque eu sou do tamanho do que vejo / E não, do tamanho da minha altura... (“O Guardador de Rebanhos”, Alberto Caeiro). 

 Escoita as pedras... Descobre a Galicia que non se ve”. Así de lírico mais coa suficiente forza e contundencia aparece estampado na ladeira da Limia que quere emparentar co val de Monterrei, en Lodoselo, o lema do CDR “O Viso”, nado en 1990 do xerme dunha asociación creada en 1985 para encamiñar as inquedanzas culturais e sociais dun grupo de mozos vinculados ao lugar. 

 Desde aquela, o Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso” –e xa van alá máis de 30 anos– medra a escape e madura para permanecer mirando cara ao monte Talariño, acolá onde seica nace o río do esquecemento, o Lethes, e nunca deixa de teimar e de gurrar contra o desleixo da esencia das aldeas galegas, turrando por sedeños atados ás súas mesmas entrañas coa forza e co xenio necesarios para que non se deixasen deturpar polos obscenos intereses dun consumismo feroz, tinguido de progreso e urbanidade, que avanza con demasiada présa, disposto a abafar a identidade e solvencia do medio rural galego, ora desposuíndoo dos seus elementos esenciais, ora embobando as súas xentes con actitudes e abelorios descaradamente perniciosos.

 Carmen e Toño, almas e mans incansábeis do proxecto “O Viso”, xunto con outros moitos, acompañantes fieis na súa decidida andaina, empéñanse desde entón en recuperar o espírito comunitario que durante séculos conforma un dos nosos principais sinais de identidade. Comezan, como non podía ser doutro xeito, pola rehabilitación da vella escola de Lodoselo, privada da súa razón de ser cando un sistema revirado decide axotar os rapaces cara ás concentracións escolares; recuperan as festas e os costumes populares, eclipsados pola insolencia e estulticia dunha modernidade talmente ridícula e badoca que ocupa sen permiso as nosas aldeas; recuperan o patrimonio identitario, as fontes, a reitoral, o forno, a forxa,... a memoria que nos tece o ser.

 Desde o primeiro instante, o CDR “O Viso” porfía ata fender e refender cos ollos, co corazón e coas mans a súa contorna para que o medio natural siga sendo un espazo habitábel e habitado mais tamén sen que semellante ousadía lle poña cancelas ao progreso, cando os avances e mudanzas racionais non veñan contra a sustentabilidade e cando cheguen para conformar un mundo máis xusto e máis social.

 E aí seguen, berrando, apostando e traballando polo desenvolvemento integral dos colectivos rurais máis vulnerábeis e pola conservación e información do medio no que queren vivir e viven dunha maneira desexábel. O CDR “O Viso” propicia e alenta cada día accións globais de carácter social, educativas, informativas, económicas, de formación e emprego para que a nosa comunidade permaneza a gusto no seu medio, en mellores condicións e con maior calidade de vida. Propósitos e obxectivos que se materializan no ámbito educativo-ambiental e promoción do entorno rural: pobo escola, albergue, aula da natureza, educación infantil na Limia e casa-niño, agrogandaría e mantemento da diversidade e da paisaxe; atención á comunidade con servizos de proximidade: vivenda comunitaria, centro de inclusión e dereito a envellecer cos seus; información e participación social: centro de información e sistemas integrados, comercio xusto e consumo responsábel, escola de tempo libre, programas de acción voluntaria, servizo de voluntariado e inclusión social e laboral.

 E todo isto e moito máis, ateigado de tantos alentos e miles de pingadas de luz que Carmen e Toño emanan sen cesar aí nesa esquina do mapa, tan máxica como real, onde o CDR “O Viso” converte a Lodoselo nese lugar do mundo onde non escurece nunca, por ser un referente da excelencia que nos permite aos limiaos gabarnos tódolos días de telo a carón de nós.

/www.laregion.es/opinion/xose-anton-jardon-dacal/lodoselo-lugar-do-mundo-onde-nunca-escurece/20191013214932899597.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario