O agro galego, a alternativa de futuro que emerxe en plena crise
O agro busca o seu futuro. O enorme potencial do rural en Galicia sitúao na actual crise económica ante unha oportunidade única para revalorizarse como opción laboral e, sobre todo, para se converter nun dos alicerces do desenvolvemento económico do país nos vindeiros anos. Con enormes eivas e problemas, o sector agrario atópase nunha encrucillada que debe ser resolta desde as administracións públicas. A falta de plans e estratexia impiden polo momento asentalo como unha alternativa de futuro que, no entanto, si se está a considerar xa entre xente moza que ve no campo a opción de traballo que antes fuxía cara a outros sectores e lugares. Pero hai moito que facer.
"Con medidas axeitadas, e nun período de dez ou quince anos, Galicia ten un enorme potencial no agro"
"Hai datos obxectivos que me fan ser optimistas, aínda que falte moito. Con medidas adecuadas, e nun período de dez ou quince anos, Galicia ten un enorme potencial para se converter nunha área produtora de alimentos de calidade e con moi boa saída ao mercado no conxunto de Europa, peropara confirmalo hai que ter unha estratexia desde os poderes públicos e valentía á hora de aplicar as medidas", di Edelmiro López, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da USC e ex director xeral de Desenvolvemento Rural na Xunta, que lembra que o abandono do campo estase a frear desde a chegada da crise.
O número de persoas que traballan no agro segue a diminuír, pero pola xubilacións e non polo abandono dos máis novos
"Non é que o rural estea mellor, senón que as oportunidades de traballo noutras actividades se reducen", explica. O feito é que o número de persoas que traballan no sector agrogandeiro segue diminuíndo, pero pola xubilación dos máis vellos e non polo abandono dos novos. Nos últimos anos, o número de persoas de menos 40 anos traballando en explotacións non baixa. "Cando a xente podía gañar 3.000 euros na construción nas Canarias, era difícil convencelos para que quedasen, pero nesta situación son moitos os que aguantan e incluso hai casos puntuais de xente nova que o intenta de cero", engade López, que cre que aproveitar esta mala etapa para reactivar o rural dependerá agora "de que se apliquen políticas públicas axeitadas para mellorar as condicións do traballo no agro".
En 1950, o 70% da poboación activa galega traballaba no agro; hoxe supón o 5,5%
O traballo é duro e os atrancos moitos nun país que pasou de ser eminentemente rural a situarse na media da UE en canto á actividade agrícola. Pero hai moita leira por sachar. En 1950, o 80% dos galegos vivían no medio rural e o 70% da poboación ocupada traballaba no sector agrario (case 830.000 persoas). Máis de 60 anos despois, a xente ocupada no agro reduciuse en máis dun 90% ata pasar ás 65.000 da actualidade, arredor do 5,5% do emprego total, cunha media semellante á da UE.
Os problemas, xa que logo, son claros. Edelmiro López resúmeos en varios puntos: o demográfico, cunha falta evidente de relevo xeracional e unha poboación envellecida; a baixa produtividade das explotacións e a volatilidade dos prezos; a falta de desenvolvemento dunha industria agroalimentaria forte; a continuidade dun balance agroalimentario deficitario; e, por riba se cadra de todos, o problema da terra.
Ese é o problema estrutural básico do sector agrario galego, tanto no que se refire ás deficiencias na base territorial das explotacións, cunha reducida superfice e unha enorme fragmentación parcelaria; como en canto aos enormes desaxustes ou deficiencias nos usos do solo. Un só dato: a superficie agraria utilizada (SAU) por explotación en Galicia sitúase nas 8,5 hectáreas, pouco máis dun terzo da media estatal (24,2 ha) ou da da UE dos 15 (22 ha).
"O reto urxente é arranxar o problema que supón que a terra estea dividida entre máis dun millón e medio de propietarios cando hai menos de 50.000 explotacións"
Así, o reto urxente para o agro galego, tal e como aclara Edelmiro López, é lograr arranxar o problema que supón "que a terra estea dividida entre máis dun millón e medio de propietarios cando hai menos de 50.000 explotacións agrícolas profesionais". Se hai que resumir as propostas urxentes para o sector, este experto teno claro. "Hai que facilitar o acceso aos factores de produción para poder montar unha explotación; no caso galego, esta cuestión fundamental ten que ver coa terra", asegura.
"Isto só pode funcionar se establecemos mecanismos a través dos cales aquelas terras que non se traballan, e sen tocarlle á propiedade, poidan ser postas a disposición mediante o arrendamento daqueles que si as queren traballar", engade, tras aclarar que esta actuación debería ir moi ligada tamén "á cuestión dos usos da terrra e a conseguir unha ordenación axeitada que non permita o abandono ou a plantación masiva de terras con piñeiros e eucaliptos".
Pero tamén se precisa que aqueles que queiran quedar no agro "teñan unha retribución digna polo seu traballo". "Isto lévanos ás políticas agrarias e ás políticas agrarias que contribúan a estabilizar os prezos, cortar a especulación e recuperar certa regulación pública", indica López, que aclara que para obter prezos dignos non só se precisa esa mínima regulación pública dos mercados agrarios, senón tamén "un cambio de chip" tanto nas administracións como na sociedade galega.
"Debemos centrarnos en producións especializadas e con valor engadido e menos nas producións estandarizadas"
"Debemos centrarnos en producións especializadas e con valor engadido e menos nas producións estandarizadas", asegura, apostando polo apoio ás denominacións de orixe ou ás marcas galegas recoñecidas e de calidade."Por poñer un exemplo, non é o mesmo producir leite indeferenciado, co que só podemos competir vía custos cunha marxe moi baixa para o produtor, que adiantarse e apostar por queixos diferenciados, leite de calidade, iogures ou batidos", insiste.
"O rural precisa oportunidades laborais, pero tamén acceso aos servizos e á calidade de vida doutras zonas"
Con estas medidas urxentes, pero tamén con outras moitas complementarias, poderíase comezar a deter tamén a sangría demográfica que afecta ao rural e que non é maís "que unha consecuencia dos problemas socioeconómicos". "E isto non se soluciona con que nazan máis nenos, porque se eses rapaces acaban por non ter oportunidades de emprego no agro, tamén acabarán marchando. Precísase traballo pero tamén, e quizais con máis urxencia, acceso aos servizos e á calidade de vida que atopan noutras zonas", recomenda.
A pelota está no tellado das administracións e a Xunta, coas súas competencias exclusivas, tamén ten moito que dicir. "Hai condicións para darlle a volta a todos estes problemas, pero as solucións non caen do ceo, senón que hai que buscalas e construílas", di Edelmiro López, que cre que o primeiro paso debe vir tamén da sociedade e de "deixar de asociar o rural ao atraso e a pobreza para velo como un medio e un piar clave do desenvolvemento económico do país". "Primeiro hai que crelo e logo adoptar as medidas axeitadas para logralo", di.
"O problema principal é que non hai política nin estratexia para o agro desde a Xunta de Galicia"
O que dúbida é que o crean desde os poderes públicos. "O problema principal é que non hai política nin estratexia para o agro", continúa Edelmiro, que vería "totalmente lexítimo" que o PP eliminase as políticas activas que aplicaron outros gobernos ou iniciativas como o Banco de Terras "se houbese alternativa". "Non hai un horizonte marcado nin unha dirección que tomar; as políticas que se aplican son pouco axeitadas, pero por desidia e non por intentar algo diferente", engade.
Aínda así, Edelmiro López reclama tamén "unha presión social" suficiente que aínda non existe e que leve a Xunta a cambiar o paso. "A sociedade galega debe ser consciente de que o rural non é un problema, senón unha grande oportunidade de futuro; debemos crer no seu potencial e ser exixentes cos que nos gobernan, sexan quen sexan", di. Pero non o hai. "O Exectuvio non ten proxecto e o que busca é maximizar os votos e manterse no poder; no tema da terra, por exemplo, habería que ser valentes e tomar medidas aínda que teñan custo elecdtoral; se non é así, acabaremos cunha terra xestionada por funcionarios ou ardendo cando lle toque", remata.
No hay comentarios:
Publicar un comentario