Son edificacións típicas dos ámbitos rurais e urbanos que foron testemuña de miles de historias. Construcións que reflicten a maneira de ser propia e peculiar dun pobo fundamentada ó redor das festas e verbenas.
Son un símbolo da vida en comunidade e os festexos das parroquias. A súa presenza fíxose especialmente notable a partir da década de 1970 e ata os anos 2000, período no que foron construídos a maioría destes peculiares escenarios.
O patrimonio popular de Galicia inclúeos no seu catálogo de elementos arquitectónicos e tradicionais.
Co fin de preservar e protexer tanto as historias como as estruturas destes palcos de música en Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas , da man do Instituto de Ciencias do Patrimonio e co financiamento da Axencia Galega de Innovación, puxeron en marcha un proxecto de investigación bautizado como PALCOS. Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega, cuxo obxectivo é o de mapear, catalogar e documentar os palcos de música repartidos por todo o territorio galego.
En Lodoselo temos dous no Campo da Lama e estamos a recuperalos. Levamos anos tratando de mantelos coidándoos (pequenos arranxos...) e dándolle algúns usos nas actividades do Pobo escola. Seguen a ser un punto de encontro para a infancia e a adolescencia, sobre todo pero tamén para os maiores que pasean ó redor do campo.
Este ano coa axuda que
lle pedimos ó Concello o Obradoiro de emprego preparou o máis antigo e lindo, o
redondo. Polo que nos din construíuse aló polo 1.958. Feito polos canteiros do pobo naqueles traballos que se facían a cambio de non ter que ir despois ó Concello (xornada de traballo cun representante de cada casa e do que quedaban liberados en compensación a ese tempo xa dedicado á comunidade). Así nos contaron que se fixera tamén co Cruceiro, o seu traslado cando se fixo a escola. Agora estamos a poñerlle a uralita no teito ó outro, máis recente, de 1.982/83 e agardamos seguir
cos traballos de limpeza, lixado, imprimación e pintura. Toda a veciñanza está convidada a participar, a botar unha man. E a ver se logramos como broche final plasmar nestes espazos algúns debuxos, pinturas, murais... que realcen a súa presenza e o seu significado.
Nesta aposta por artellar tempos e espazos (espazos dignificados) nos que as persoas nos atopemos dende o Programa de Biocoidados esta é unha actuación máis promovida e alentada dende o CDR O Viso: tecer redes de corresponsabilidade para un coidado sostible; os coidados como motor de desenvolvemento rural e comunitario. Este espazo comunitario é unha conexión cos que nos precederon e cos que nos seguirán. Coa celebración, coas festas, co sentido de pertenza a unha comunidade. Agora valoramos que tamén estes son coidados; coidados naturais, coidados invisibles.
Outra acción que enmarcamos no proxecto #Biocuidados: Novos modelos de
coidados prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas
rurais; está vinculado ao Plan de Recuperación Transformación e
Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e
financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU. Promovido pola
Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (Coceder).
No hay comentarios:
Publicar un comentario