O pasado sábado recibimos a comunicación de que Fr. Francisco Alonso Iglesias (O Padre Alonso para uns, o Franciscano para outros) finara na enfermería de Noia. O domingo 17 estivemos no velorio, no funeral e no enterro; na sancristía, na Igrexa de Santiago e no cemiterio do Convento.
Fr. Francisco Alonso Iglesias tiña 97 anos. Naceu en Lodoselo o 23 de agosto de 1926. Estudou Filosofía no Convento de San Diego de Canedo e Teoloxía en Santiago. Foi ordenado sacerdote en 1953. Nese mesmo ano foi nomeado secretario da comisión encargada de organizar actos do Centenario da Inmaculada. Tres anos despois foi instituído Predicador e nomeado Discreto do Convento de Betanzos. En 1957 foi destinado á Fundación de Venezuela. Volve do outro lado do Atlántico en 1961 para incorporarse ó convento de Betanzos.
En 1974 volve a Avilés como Vicario e no 77 é nomeado Gardián de Vigo e Director do Colexio Menor; no 80, Gardián de Noia e no 83, Gardián de Ourense e capellán da Residencia de maternidade. Nos anos 90 foi nomeado superior de Pontevedra, A Coruña, Avilés, Noia, Ourense... Estes últimos anos estivo en Noia onde finou o 16 de decembro de 2023.
Na parte final da celebración do funeral deuse lectura a unha carta de Fr. José Rodríguez Carballo, que desde o seu novo destino (como Arcebispo de Mérida-Badajoz) dicía entre outras cousas: “Sinto moito non poder facerme presente a causa de numerosos compromisos.
Quero manifestar o grande aprecio que sempre lle tiven e que, pola súa parte, sempre me mostrou. Na miña vida franciscana el tivo moito que ver. Cando era neno sempre me dixen: Quero ser franciscano como o P. Alonso: cordial, familiar, sencillo, alegre.
Quero agradecer ó Señor a presencia do P. Alonso na miña vida. E a ti, querido P. Alonso, dígoche: Grazas por ser como fuches: campechano, transparente, sencillo, alegre. Grazas por amar tanto á Orde e á Provincia. Grazas por amar a túa terra, o teu pobo e as súas xentes e nunca renegar das túas raíces culturais e sociais. Un abrazo forte e unha oración sinceira, querido P. Alonso: veciño, irmán e amigo."
O xoves, 28 de decembro, ás cinco da tarde, o Pepe (Fr. José R. Carballo, arcebispo de Mérida-Badajoz) vai presidir unha misa funeral, na igrexa de Lodoselo, polo eterno descanso do Francisco, o Franciscano, o P. Alonso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario