Este ano, con todas as anomalías que temos tido pola culpa do maldito coronavirus, acometemos con máis atrevemento que mestría un novo cometido que outros anos viñan facer os especialistas, os rapadores. Con Fran, á cabeza, animando desde había uns días a facelo nós.
Grazas a Eloi, que sabe de todo e que tamén nos fixo unha desmostración e a Alberto, Fran e Toño que queremos seguir aprendendo todos os días, o luns e martes pola tarde rapamos as ovellas. Esta semana xa é moita a calor que fai e si, quedaron ben fresquiñas.
A primeira tarde foi moita novidade: estaba o que lembrabamos de ter visto outros anos ós rapadorres, algún vídeo... Así que estabamos tensos: afacernos á máquina (de 2ª man pero ben xeitosa, por certo), a frustración de facerlle algún corte ás ovellas, a calor, etc. Con todo, soubémolo levar e si, comentamos á tarde seguinte que acabaramos moi cansos. Seguramente máis ffroito do estrés que do traballo físico, que tamen o é.
A tarde do martes xa foi máis sobre rodas; a pequena experiencia do día anterior contribuíu a que se notara unha gran melloría. E si, moi contentos de seguir aprendendo a facer algo de todo; como comentabamos para alentarnos: mellor saber pouco de moitas cousas que moito de poucas, que parece que é ó que se tende, especializarse moitísimo (que tamén é necesario) pero para a nosa realidade rural (e para unha organización de economía social, como é o CDR) sempre se levou máis e coidamos que segue a ter vixencia o outro modelo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario