Non é nada novo dicir que no noso
medio rural una das imaxes máis duras é ter contemplado a conversión das
escolas en tanatorios; no noso caso a escola seguíase empregando para máis
cousas, para “todo”. O sentido común foinos levando a utilizala para facer
festas, comidas, reunións, charlas, ximnasia… Tamén local electoral. Si, o
local social do pobo.
E velaí, que cando a lóxica é empregar un espazo coma
este para as diversas actividades de todos, un espazo multifuncional… Parece
ser que chega Sanidade e prohibe que isto sexa así; se é tanatorio non se pode
empregar para outra cousa máis. E tras varias xuntanzas a veciñanza manifesta
velar ós defuntos e querer ser velados no pobo. E comezan as obras de
acondicionamento dunha parte do local para este fin específico que ninguén espera
que se empregue moito, aínda que todos sabemos que a morte é segura. Con todo,
nestes últimos anos a media non chega a dez nun ano. ¡Unha mágoa reconverter un
local para isto só! Pero, non queda outra: a administración funciona así.
Pois ben, a nota discordante neste
espazo de morte, soidade e desesperanza é que a escasos 70 metros en liña recta, nestes últimos
días de marzo e primeiros de abril chegaron dúas parellas de cegoñas; témoslle
postos dous niños no campo da Lama pero non os empregaron ata o de agora. Por
fin, parece que unha parella quedou nun deles. Ademais por fin, estes días
tamén se empezou a escoitar o cuco. Si, é, parece, a outra cara da moeda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario