O 7 de novembro vai ser un día importante para o CDR O Viso pois celebran 25 anos axudando ó rural galego. Queren festexalo por todo o alto por iso convidan á xente a un gran magosto que terá lugar no centro de Lodoselo. Para confirmar asistencia poden chamar ó 988 46 15 71 ou enviar un e-mail a info@cdroviso.org. O festexo terá lugar a partir das 17h.
"Sabendo que o que somos non é un estado conseguido... é un proceso de cambio e busca permanente", así definen o seu traballo que dende o ano 1990 se leva desenvolvendo no centro. Partiron coa constitución do CDR O Viso e dende aí foron aparecendo o comedor social e comunitario, o centro de información xuvenil e comunitario, a vivenda comunitaria para axudar ós máis maiores ou o centro de día Lodoselo. Unha gran lista de traballos dirixidos a axudar ós sectores da poboación máis vulnerables da Limia. Con moito esforzo dos seus traballadores e fundadores, así pasaron xa 25 anos axudando e creando unha gran comunidade de usuarios dos servizos do centro. Agora como premio a todo este tempo de labor e para seguir con máis ganas, convidan a todo o mundo que o desexe a festexar con eles o seu vixésimo quinto aniversario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario