Despois dun ano e 2 días de que a cubrira o burro
"Fariñeiro" onte día 26 de marzo pariu a Torda. É a cuarta cría que
nos nace aquí desta parella de burros (que mercaramos na Xironda): antes foron
Lúa, Terra e Café. Aquí tedes outro motivo para vir este ano a Lodoselo:
coñecer esta nova cría. Aínda pendente de que a bauticemos (hai varias
propostas pero "Alai" pode ser o seu nome) algúns tivemos a sorte de asistir ó seu rápido nacemento; avisounos o Aníbal (sobre as 22.30h) de que estaba na fase expulsiva do
parto porque xa saíra o líquido e, en quince minutos xa estaba fora a pequena; deseguida porfiando para manterse de pe; levou varias caídas pero antes de
media hora e aínda moi mollada (a nai foina lambendo e acicalando) xa se
mantiña bastante ben (aínda que ás veces a nai tirábaa ó lambela -para seguir
secándoa-). Levoulle máis tempo mamar; por máis que a axudamos non era quen de
facelo; teimamos ata as 2.30h da madrugada. É importante que tome os costros, o
primeiro leite que da a nai cando pare, para que reforce o seu sistema inmune.
As dúas primeiras fotos son desas primeiras horas e a
terceira xa é do día 27 polo mediodía.Aquí cinco días despois...
No hay comentarios:
Publicar un comentario