Benvida/o ó blog do CDR " O Viso"

Benvida, benvido ó blog do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso".................. O que cres é o que creas.

viernes, 26 de septiembre de 2025

A localización e natureza do Forum Limicorum a debate

 

 O pasado martes, 23 de setembro, estivemos en Vilar de Santos na presentación do libro “Tres puntos de vista sobre o Forum Limicorum” publicado pola Fundación L. Monteagudo no que catro arqueólogos amosan o seu parecer sobre a situación e natureza do Forum Limicorum, centro tradicionalmente vencellado ó pobo prerromano e despois romanizado polos Límicos. Moitísimas grazas polo convite, pola obra realizada, polo interese do público que encheu o salón de actos (tendo que cambiarmos de sitio porque no Museo da Limia non tiñamos sitio para todas e todos).

No empeño de superar a idea dun único centro urbano limicense resultou que algúns propoñen un modelo de posible dobre centralidade: por un lado o monte do Viso (Lodoselo/Nocelo da Pena, no Concello de Sarreaus) como posible centro político relixioso e por outro Xinzo de Limia como núcleo económico e comercial. Aquí deixamo o enlace ó pdf onde se pode descargar o libro. 

https://fundacionlmonteagudo.com/storage/publicacions/2025-forum-limicorum-flm-red-XjEm.pdf

Poñemos a continuación un anaco do que escribe o noso arqueólogo veciño de Escornabois, Manuel García Valdeiras, e que da idea do que tan espectacularmente explicou no acto:  

"A posibilidade de localizar o Forum Limicorum en Xinzo pode ser moi suxestiva para recrear un glorioso pasado da actual capital comarcal, unha forma de rendibilizala historia, pondo en valor o patrimonio cultural de cara á explotación turística. A Historia e a Arqueoloxía, naceron como armas políticas na construción dos estados-nación; dende hai unhas décadas son, ademais, valores económicos de mercado. Pero as teorías históricas téñense que sustentar en probas, senón corren o risco de converterse en inventios que só serven para propiciar peregrinatios ós santos lugares da historia local.

En resumo, no complexo arqueolóxico do monte do Viso, no que se localizan non menos de seis xacementos diferentes, que van dende a Idade do Bronce ata a Alta Idade Media e que ocupan unhas 145 ha de extensión temos rexistrado nove epígrafes e un miliario.

Hai que ter en conta que practicamente toda a información (materiais, epígrafes, xacementos) arqueolóxica que nos proporciona o monte do Viso, é froito de achados casuais que se veñen acumulando dende mediados do s. XVIII. As únicas intervencións arqueolóxicas que se lle teñen realizado son dúas prospeccións.

No xacemento romano de Xinzo de 7 ha de extensión, temos tres epígrafes e se ten actuado arqueoloxicamente, con controles, sondaxes e escavacións en área en máis de 7.000 m2 , repartidos en 35 solares e nove rúas repartidos por todo o casco da vila e o seu contorno inmediato.

En conclusión, na miña opinión, o monte do Viso segue aportando as mellores posibilidades e indicios para situar o Forum Limicorum."

lunes, 1 de septiembre de 2025

Presentación do libro Tres puntos de vista sobre o “Forum Limicorum”

Recibimos este convite do noso benquerido amigo Manuel Gracía Valdeiras, arqueólogo, veciño e gran estudoso e divulgador desta nosa cvontorna. Graciñas 

domingo, 23 de febrero de 2025

Domingo Corredoiro: Peliqueiros


 


Un ano máis tivemos a sorte de que os peliqueiros viñeran "Á túa outra casa" a vivenda comunitaria do CDR O Viso na que conviven 12 persoas maiores. É esta unha das visitas que máis nos emocionan. E lembramos tempios pasados con eles e cóntannos o medo que lles tiñan cando eran nenas ou nenos; do que corrían para que non os pillaran porque se te pillaban debías darlle algo (aínda que só fose unha peseta) porque co que xuntaban esperaban pagar o aluguer do traxe...

Graciñas, moitísimas grazas. E que, de hoxe nun ano!  



viernes, 24 de enero de 2025

O Miguel, do Juan e a Geni, é o autor do cartel do Entroido de Xinzo 2025

 
Dende hai uns días coñecemos o cartel do Entroido de Xinzo deste ano. E levamos unha gran alegría ó sabermos da súa autoría. Por iso facemos esta entrada; queremos felicitar especialmente ó artista que o creou e á súa familia. E a todos nós.
 Miguel Carballo Álvarez é o fillo do Juan (do Clemente e a Maruja de Lodoselo) e da Geni (de Folgoso). Parabéns !!!